O que facemos, para o mundo

Con ocasión do premio que nos outorgou UNIMA Internacional polo traballo que facemos a prol do patrimonio titiriteiro,  na AC Morreu o Demo armamos un vídeo para explicar a todo o mundo como enfocamos o noso proxecto. Gravada por Manuel Silva a aproveitar a presenza da Barraca de Barriga Verde na Feira Cabalar de San Martiño de Francos, en Teo, esta produción recolle tamén imaxes do festival Titiriberia, que celebramos cada verán en Rianxo. Ademais, contamos coa presenza de Mary Silvent, neta de José Silvent, que levou a Barriga Verde por todo o país durante boa parte do século XX.

A peza, que conta con versións subtituladas en castelán e inglés, proxectarase o vindeiro mes de maio no Congreso de UNIMA en Chuncheon, Corea do Sur, onde membros da asociación acudirán a recoller o galardón. Nese encontro, tanto profesionais dos títeres como investigadoras e investigadores de todo o mundo poderán coñecer o patrimonio co que conta o noso país nesta arte.

Desde a AC Morreu o Demo queremos agradecer a todas as persoas, entidades e institucións que teñen colaborado co noso traballo para chegarmos ata aquí: A familia Silvent, a Deputacion da Coruña, Xunta de Galicia a través da AGADIC, Ministerio de Cultura do Goberno de España, Concello de Rianxo, Concello de Teo, Concello de Santiago de Compostela, Concello de Valdoviño, Concello de Pontevedra, CPI Virxe da Saleta de Cea, CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía, Urco Editora, Blau, Viravolta Títeres, Títeres Alakrán, Larraitz Producións Artísticas, Títeres Cascanueces, Títeres Babaluva, Trécola Producións, Os Quinquilláns, Monicreques de Kukas, Pedras de Papel, Revista Titiresante, Fundación Vicente Risco e tantas outras. O patrimonio titiriteiro galego ten unha boa rede de apoio en tod@s vós. Mil grazas!