O monicreque tradicional desembarca nas aulas de Teo neste curso da man do Festival Titiriberia

 

O Festival Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos, organizado pola Asociación
Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña, celebrará
a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro. Como gran novidade deste ano, o festival
incluirá unha programación paralela nos centros educativos do municipio a través do proxecto Da
barraca á aula, unha iniciativa que inclúe a celebración de obradoiros co estudantado, exposicións
itinerantes nos centros e sesións de videofórum. Este programa desenvólvese co apoio das axudas
a actividades culturais da Deputación da Coruña para entidades sen ánimo de lucro.

A actividade Da Barraca á aula comezará mañá, martes 8 de outubro ás 16.30 h. no IES Cacheiras
coa primeira sesión do Videofórum, consistente na proxección do documental Morreu o demo,
acabouse a peseta, producido por Tintiman Audiovisual e dirixido por Pedro Solla. Trátase dun
percorrido polos títeres populares de Europa, a partir dos traballos de investigación e recuperación
que desenvolveu a compañía Viravolta Títeres da antiga barraca de Barriga Verde da familia Silvent.
Comba Campoi, produtora da fita e autora da tese de investigación sobre A resistencia simbólica na
Galiza da posguerra: O Teatro de Títeres de Barriga Verde, asistirá á proxección e guiará este
encontro, aberto ao alumnado da ESO e ao seu profesorado. O Videofórum celebrará unha segunda
sesión o vindeiro 5 de novembro ás 16.00 h. no CEIP A Ramallosa, dirixido ao conxunto do persoal
docente e aberto a outros membros da comunidade educativa.

Obradoiros
Unha segunda liña de acción desde este auténtico desembarco educativo centrarase nun conxunto
de obradoiros de construción de monicreques no CEIP Os Tilos, no IES Cacheira, no CEIP A Igrexa de
Calo, para o C.R.A de Teo e no CEIP A Ramallosa. O primeiro deles celebrarase no CEIP Os Tilos o 11
de outubro, cun total de tres grupos conformados por alumnos e alumnas do primeiro ciclo de
primaria. Xa o 15 de outubro, o IES Cacheiras acollerá o segundo taller destinado ao estudantado da
ESO. Dous días despois, o 17 de outubro, será a quenda do CEIP A Igrexa de Calo, que contará con
tres grupos de cuarto de Primaria. O 28 de outubro, o CEIP da Ramallosa terá catro grupo de 3º e 4º
de Primaria. Para poñer o ramo, o C.R.A de Teo celebrará o 30 de outubro na Casa Común de Rarís
unha festa de Samaín que contará ao longo da xornada con obradoiros divididos en catro grupos
nos que se repartirán preto de 80 escolares. Os obradoiros correrán a cargo de profesionais domundo do títere como Mirari e Larraitz Urruzola, da compañía Babaluva; Anxo García, de Viravolta
Títeres, ou Borxa Ínsua, de Títeres Alakrán. Ademais, a programación desta iniciativa inclúe un taller de guión impartido por José Antonio Cascudo, membro e responsable de audiovisual da Asociación Morreu o Demo. Esta taller celebrarase partido en catro sesións distribuídas polo curso 2019/2020 e estará destinado ao alumnado de secundaria do IES Cacheiras.

Funcións para público escolar
Coa intención de achegar o teatro de monicreques ao público escolar, o Festival Titiriberia organiza
tres funcións para o alumnado do municipio que terán lugar no Auditorio Constante Liste de Teo. A
primeira delas celebrarase o vinderio 12 de novembro, estará destinado ás alumnas e aos alumnos
do último ciclo de primaria e correrá a cargo do compañía Fantoches Baj, que representará a súa
peza Fábula Galénica. Nesa mesma xornada, no Salón de Actos do IES Cacheiras, actuará Marcelo
Lafontana para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Dous días despois, o 14 de novembro, a compañía
La pícara locuela representará El Faldón de la locura, montaxe dedicado ao alumnado do primeiro
ciclo da ESO.

Exposicións itinerantes
O programa paralelo do Titiriberia en centros escolares inclúe tamén a exposición itinerante Onde
foi Barriga Verde, que detalla a historia do famoso personaxe de cachaporra galego. A mostra
atópase xa instalada, dende o 1 de outubro e até o vindeiro día 15, nos CEIP da Ramallosa e dos
Tilos. A partir do día 15 trasladarase -até o 31 de outubro- ao CEIP A Igrexa de Calo. Na primeira
quincena de novembro, o estudantado do IES Cacheiras poderán gozar da mostra, mentres que do
12 ao 22 de novembro, se instalará na Biblioteca do C.R.A de Teo. Por último, o programa en
centros educativo tamén se estenderá ao longo deste curso no CPEI Virxe da Saleta de Cea,
extensión que contará co apoio do Ministerio de Cultura.