O IV Festival Titiriberia leva aos Tilos os Camiños de aventuras de Títeres Cachirulo
O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, continúa no municipio teense coa actuación da histórica compañía galega Títeres Cachirulo, que representará a súa obra ‘Camiño de aventuras’ ás 18.30 h. na Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos ( Rúa do Ameneiro, 8. Os Tilos, Teo). A montaxe amósanos unha serie de personaxes vinculados á tradición. Deste xeito, personaxes como Don Gaiferos, a Raíña Lupa, a Raíña Isabel de Castela ou o mesmo Demo Lucifer, entre outros moitos, danse cita neste espectáculo que vencella os títeres co Camiño de Santiago.
A actuación de Títeres Cachirulo enmárcase na programación do Festival Titiriberia que, neste 2019,
chega á súa cuarta edición co duplo obxectivo, unha vez máis, de recuperar o monicreque tradicional e de achegar este xénero escénico ao tecido asociativo local e as escolas con funcións en diferentes locais sociais do concello, descentralizando a oferta do festival. Tras a actuación de Cachirulo, a vindeira
función terá lugar o vindeiro venres, 15 de novembro, ás 18.00 h. no local da A.C.R. San Xoán de Calo,
onde a compañía segoviana La Pícara Locuela representará a súa montaxe para o público familiar Juego
de Polichinelas.