O 2018 de Barriga Verde

O ano que acabou estivo cheo de novas achegas e proxectos arredor do títere tradicional galego. Para nós destacaron deste meses en particular as novas producións que promovemos para actualizar o legado de Barriga Vede, as Varietés e o Dona Barriga Verde de Larraitz Urruzola. Canda a elas, a publicación de Sen medo ao Demo, o libro da nosa compañeira Comba, marca un novo fito na investigación sobre o papel e a importancia do noso particular Pulcinella para a sociedade do país ao longo do século XX. A raíz deste traballo, Barriga Verde tivo unha importante presenza en encontros de investigación alén das nosas fronteiras. Mais non foron estas as únicas propostas que desenvolvemos este ano.

 

  • A coprodución da Dona Barriga Verde de Larraitz Urruzola foi un fito para a nosa asociación. A adaptación cun personaxe feminino que cuestiona os estereotipos de xénero amosa como se pode innovar e transformar a obra tradicional.
  • Canda isto, a posta en marcha das Varietés de Barriga Verde, unha ambiciosa produción que desenvolvemos no seo do Titiriberia continúa o noso empeño por recrear o labor da familia Silvent nas feiras galegas. Iria Pinheiro, Alonso Caxade, Paco Nogueiras, Joám Casas, Monicreques de Kukas, Diego Anido, Arturo Nono, Títeres Alakrán, Tanxarina Títeres e Mircromina amosaron un xeito de actualizar o legado dos feirantes tradicionais. Malia a todo o que chovía! Agardamos dar novas datas en breve de novas funcións desta montaxe.
  • O III Titiriberia foi o prato forte do ano que acaba. Novas colaboracións con asociacións e centros de ensino en Teo, un reforzo da programación na Feira de Francos e a reivindicación da muller nos títeres tradicionais como eixe deron unha xeira que foi todo un éxito de público e de crítica.
  • Entrevistámonos co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para lle achegar unha serie de propostas arredor do noso títere tradicional.
  • A presenza de Barriga Verde en Luar marcou sen dúbida un fito na divulgación do noso traballo e de certo axudou a recuperar a memoria deste personaxe para varias xeracións de galegos e galegas.
  • A Fundación Vicente Risco e o Concello de Lalín publicaron o libro Sen medo ao demo, adaptación da tese doutoral na que Comba Campoi explora o papel do teatro popular de títeres de Barriga Verde como un xeito de resistencia simbólica das camadas populares durante o franquismo. A obra mereceu un accésit no XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
  • Da man da nosa compañeira Comba, o traballo da asociación fixo parte das iniciativas que se presentaron na xornada Retos na Xestión do Patrimonio Inmaterial que se desenvolveu en maio no Consello da Cultura Galega.
  • Tamén foi Comba a que levou a súa investigación sobre Barriga Verde ao congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se desenvolveu en Madrid en setembro e á Faculdade de Ciências Sociais e Humanidades da Universidade Nova de Lisboa.
  • Santi Prego foi tamén embaixador do noso títere tradicional a falar sobre Barriga Verde en diferentes universidades europeas
  • A presenza de Barriga Verde en Compostela foi recollida no caderno <i>Compostela Festiva</i> que publicou o concello a rememorar a historia das festas santiaguesas, mentres o documental de MaOs sobre a Feira de Francos ou o webdoc Feira recolleron outras memorias sobre este personaxe.
  • A enciclopedia da Unión Internacional de Marionetistas tamén incorporou unha entrada sobre o títere tradicional galego.
  • Títeres Alakrán foi o responsable de levar a súa versión de Barriga Verde a festivais internacionais. Así, participou no ciclo Eixos de Santa María da Feira e tivo tamén representacións en Alcobaça.
  • Máis preto de nós, Viravolta Títeres levou a Barriga Verde a Redondela mentres Alakrán tivo actuacións co personaxe en Muxía, Curtis, Monterroso. Larraitz Urruzola comezou a andaina do seu novo espectáculo cunha actuación en Lalín.
  • Publicamos un audiovisual a repasar o Titiriberia 2017 que aproveitamos para facer un videoclip de Racha cos fíos, unha nova canción dedicada ao noso títere tradicional.

O ano rematou coa incorporación de Larraitz Urruzola e de Santi Prego ás filas da nosa asociación, dous profesionais que de certo han achegar ideas, gana e un lote de traballo para continuar coa investigación e a divulgación da tradición titiriteira do país!