Non hai exposición sen actividades paralelas!
En paralelo á exposición Barriga Verde. De feira en feira, a AC Morreu o Demo organiza unha serie de actividades de dinamización para diferentes idades que queren contribuír a dar a coñecer este títere tradicional.
- Obradoiro de construción e manexo de títeres.
17 de setembro ás 17 h. Sala de exposicións Pazo de San Marcos
Para nenos e nenas entre 6 e 14 anos.
Máximo 25 prazas.
Incricións antes do día 16 de setembro, no departamento de Didáctica do MPLugo
Neste obradoiro cada un dos participantes elaborará unha marioneta de luva, con materiais moi sinxelos. Os/as monitores/as apoiarán o traballo dos nenos/as, guiándoos nos aspectos técnicos pero respectando a creatividade de cada participante. - Presentación das publicacións Morreu o demo, acabouse a peseta e José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde.
18 de setembro, 20.00 h. Sala de exposicións Pazo de San Marcos.
Con presenza dos autores.
Morreu o demo, acabouse a peseta. Varios autores.
Con esta frase remataban os espectáculos do último títere tradicional galego. O libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos de diversos autores complementan as imaxes do documental de Pedro Solla no que Barriga Verde e os seus parientes europeos cobran vida. Artigos sobre cuestións como a familia Silvent, a recuperación de Barriga Verde, a a familia dos títeres europeos ou un mapa despregable fan parte desta publicación.
José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde. Xaime Iglesias.
José Silvent Martínez non naceu en Galiza, pero respirou aires galegos desde novo. Acadou unha popularidade sen precedentes cun espectáculo ambulante, que percorreu festas e romarías, no que os monicrequees, sinaladamente o heroe Barriga Verde, eran o elemento máis atractivo. A presente publicación, elaborada con agarimo e rigor, trata de dar a coñecer a vida, arte e realizacións deste titiriteiro, sen dúbida, o máis popular da nosa terra durante o século pasado, que, polas súas excepcionais calidades persoais e artísticas, converteuse no mítico Barriga Verde para o público, que o aplaudía afervoadamente, así como para boa parte dos bonequeiros galegos. Con linguaxe coloquial e estilo sinxelo, o autor sitúao nos contextos social e histórico e destaca a relevancia que tivo o seu espectáculo de monicreques para a nosa lingua e para a nosa cultura, pois os bonecos, falaban galego, nun tempo en que estaba desprezado e mesmo perseguido. - Proxección de Morreu o Demo, acabouse a peseta.
Martes 30 de setembro, 20h. Salón de Actos da Deputación
Proxectarase o documental Morreu o Demo,acabouse a peseta, de 78’ de duración, dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual. O documental amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta. Ao longo da súa investigación conversan cos descendentes da familia Silvent, creadores do personaxe de títeres de luva, así como con outros marionetistas europeus. Ademais realízase un achegamento ao títere de luva galego, e á tradición europea da que fai parte. A seguir, membros do equipo do documental conversarán cos asistentes sobre a película e a situación dos títeres e doutros elementos da sociedade tradicional na actualidade.