Nace Titiricea, primeira compañía escola de títeres integrada en Da Barraca á Aula

Cartel de presenstación de Titiricea


O alumnado do CPI Virxe da Saleta de Cea estrea o 16 de maio cinco obras orixinais

A celebración do VI Serán do Cole de Cea, este 16 de maio, achega unha novidade de importancia galega. No transcurso desta festividade, aberta a toda a comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta, preséntase en exclusiva mundial a compañía escolar de monicreques Tititiricea.

O alumnado de ESO do centro conforma esta nova compañía, que debuta nada menos que con cinco obras orixinais escritas por este colectivo. Os membros do proxecto encargáronse ademais da construción dos títeres, as escenografía ou o vestiario necesario para as funcións, así como da composición da música, efectos de son e traballos técnicos, ademais, por suposto, da manipulación dos bonecos. No propio día da estrea, prevista para as 17h horas, tamén correrán coa promoción do espectáculo e a atención ao público asistente.

 

Elaboración de títeres no Cole de Cea.

A creación da compañía enmárcase no proxecto de centro Escola Titiriteira e mais no proxecto didáctico “Da Barraca á Aula”. Con este último a Asociación cultural Morreu o Demo quere achegar os títeres tradicionais a alumnado de todo país. En concreto, na provincia de Ourense desenvolve a súa actividade co apoio das axudas á Acción e Promoción Cultural do Ministerio de Cultura e Deporte nos concellos de San Cristovo de Cea e de Xunqueira de Ambía.

No marco de “Da Barraca á Aula”, alumnado e profesorado dos diferentes centros de ensino reciben formación teórica e práctica sobre o mundo dos títeres, con obradoiros específicos dedicados á creación e manipulación de varios tipos de monicreques, sesións dedicadas á escenografía ou á escrita de guión e mesmo nocións sobre a xestión dunha compañía de títeres. O veterano titiriteiro Anxo García, membro da AC Morreu o Demo e da compañía Viravolta foi o encargado da formación que deu pé á nova compañía escolar.

A relación do Cole de Cea co mundo do títere ven xa desde 2013 co proxecto “Nas nosas mans”, que pretendía aumentar a motivación e implicación do alumnado, facéndoo sentirse non só parte, senón centro de todo o proceso de aprendizaxe, enfrontando os alumnos e alumnas a un reto real que esixiu o mellor de todos eles. Aquel proxecto rematou coa elaboración dun teatriño de guiñol e a estrea dunha inesquecible obra de títeres chamada “Las Olimpiadas Más Animales”.

Representación de títeres no Entroido do Cole de Cea (2018)

Nos anos seguintes, o Cole de Cea continuou a realizar numerosas actividades vinculadas ao mundo do títere, dentro do proxecto de centro “Escola Titiriteira”, tales como o deseño e fabricación de monicreques, a construción dun novo escenario, ou a creación e representación de diferentes obras en diferentes ocasións. Seguindo nesta liña de traballo, no 2019-2020, o Cole de Cea iniciou a colaboración coa asociación Morreu o Demo.

Para alén de obradoiros, no marco do proxecto desenvolvéronse encontros co profesorado, videofórums  sobre o documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta”, dedicado á historia de Barriga Verde e ás súas conexións cos títeres europeos; saídas para visitar festivais de títeres tradicionais como o Titiriberia, ademais da dotación de lotes de material documental ao centro, e a instalación de diversas exposicións centradas nos títeres tradicionais.

Desde a AC Morreu o Demo queremos agradecer a enorme implicación do alumnado e do profesorado de Cea, en particular de Fátima e Maite, cuxo labor foi imperscindible para o desenvolvemento deste proxecto.

Da Barraca á Aula desenvólvese co apoio das Axudas á Acción e á Promoción Cultural do Ministerio de Cultura  e Deporte.

Subvenciones para la edición de libros (Convocatoria 2018) | Ministerio de Cultura y Deporte