Larraitz Urruzola muda as normas con “Dona Barriga Verde”

Os personaxes de Dona Barriga Verde

As tradicións están para se transformar cos tempos, é o único xeito de que se manteñan. Convencida desta verdade, Larraitz Urruzola, desde a compañía Larraitz Producións Artísticas chega ao Titiriberia deste ano cunha aposta inovadora.

Cartel de Dona Barriga Verde

Dona Barriga Verde é unha obra de títere de cachaporra, que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé habituais do Punch Inglés. E todo cunha grande particularidade. A desafiar as convencións do xénero e por vez primeira no noso país, Barriga Verde, protagonista da obra, é unha muller. Deste xeito, sen perder os gags clásicos, a artista achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición. A Asociación Cultural Morreu o Demo colabora neste proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. Canda a Larraitz Urruzola encargada do manexo dos bonecos, o espectáculo conta con dirección de Santi Prego, bonecos e atrezzo realizado por Borja Insua, pintura e deseño do retábulo de Kukas e vestiario de Bety Busto.

Segundo explica a titiriteira, “o do pesonaxe femenino nace porque vin a necesidade de encher un baleiro. Quería disfrutar de ver no escenario unha protagonista que leva as rédeas da súa vida a desafiar as dificultades cotiás. Quería facer visible a loita, a coraxe e o compromiso das mulleres ao logo da historia, un labor que quedou oculto deliberadamente durante seculos polo patriarcado. A matria comeza nunha mesma, co desexo de me sentir libre eu tamén e de purgar a inxustiza a traves do riso”.

A estrea mundial do novo espectáculo, orientado para todos os públicos desenvolverase na barraca que se instalará na Carballeira de Francos a coincidir coa Feira Cabalar. Será o vindeiro día 11 de novembro ás 11 da mañá, a non perder!

Urruzola vai participar, tamén no marco do Titiriberia, na mesa redonda  A muller nos títeres tradicionais. Neste encontro con outras profesionais desta arte, abordarase a problemática de traballar os roles femininos nesta tradición escénicas así como o invisibilizado papel das titiriteiras. No encontro, a titiriteira falará sobre a súa adaptación da obra emblemática dos títeres galegos.