Irene Vecchia impartirá un curso de manipulación de títeres no vindeiro Titiriberia

Fotografía de Francesco Cocco

Descarga aquí o folleto con toda a información sobre o obradoiro

Xa a quentar motores para o vindeiro Titiriberia, adiantamos a primeira das novidades da cuarta edición. Irene Vecchia, recoñecida titiriteria napolitana, achégase a Teo para impartir un obradoiro de formación na técnica do títere tradicional napolitano, o guarattelle.

O curso impartirase os vindeiros días 9 e 10 de novembro, en sesións de 5 horas cada día, e quere contribuír a que profesionais e afeccionados aos títeres poidan incorporar esta formas escénicas tradicionais ás súas propostas.

Curso de manipulación de guaratelle con Irene Vecchia

A Asociación Morreu o Demo, co patrocinio do concello de Teo e a Deputación da Coruña, ofertan este obradoiro de manipulación de títeres, dentro das actividades programadas no Festival especializado en títeres tradicionais, Titiriberia.

A recoñecida titiriteira Irene Vecchia imparte este obradoiro dirixido a persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional. Formada na “Scuola delle Guarattelle”, escola especializada en títere de tradición napolitana, Vecchia gradouse en Artes visuais e escénicas na academia de Belas Artes de Nápoles e é internacionalmente recoñecida como un dos principais expoñentes desta tradición escénica. Constrúe e crea os seus propios espectáculos dende o 2012, traballando tanto nas rúas de Nápoles como en  programacións e festivais de relevancia internacionais.

Este obradoiro teórico práctico permite ás persoas participantes coñecer de preto as forzas que se crean entre os títeres e nos repertorios clásicos da guaratelle e experimentalas desde o interior. Ademais, facilita dominar polo miúdo as técnicas de manipulación deste tipo de bonecos de cara á súa inclusión en diferentes espectáculos. Vecchia non esquece as mudanzas inherentes a toda tradición e aborda tamén a problemática de actualizar o xeito de levar a escena un repertorio con quiñentos anos de existencia.

Segundo explica a propia docente, a través deste antigo espectáculo cada persoa “tiña a oportunidade de se rir dos seus medos, as súas debilidades de incertezas dun xeito simple, sen facer dano, e de reunirse ao tempo cos seus compañeiros e compañeiras.  Unha función catártica, celebrada dunha maneira sinxela, que a sociedade precisaba para seguir adiante e enfrontar con maior serenidade os problemas que impón a vida. Co seu ritmo e a súa potente linguaxe xestual, a guaratelle vai alén dos límites da lingua oficial e convértese nunha ferramenta eficaz para a comunicación intercultural”.

Premios e recoñecementos:

– Primeiro premio do proxecto Cantiere 2012, per Incanti- Rassegna Internazionale di Teatro di Figura, nell’ambito dell’iniziativa Grimmland. Märchenhaft. Da favola! del Goethe-Institut- Torino

– Membro honorario da bolsa Punch and Judy desde 2013

– Benedetto Ravasio Award 2015 XVIII edición para novas empresas que, a partir da tradición realizan investigación teatral – Bérgamo.

http://www.irenevecchia.com/it/biografia

Con esta iniciativa a asociación Morreu o Demo quere contribuír á divulgación das técnicas de títeres tradicionais no seo do colectivo titiriteiro do país, favorecendo o desenvolvemento de novas montaxes a empregar esta técnica ou  linguaxe escénica.

DIRIXIDO A: Persoas adultas que desexen perfeccionar ou achegarse á manipulación de títere de luva tradicional, un teatro popular con riscos comúns en tantos países europeos.

DATAS: 9 e 10 de Novembro de 2019.

HORARIO: 10,30h a 13,30h. Descanso para comer e retomamos de 15,30h a 17,30h.

LUGAR: Concello de Teo (A Coruña)

IMPORTE: 60€ (sen aloxamento)

INSCRICIÓN: info@barrigaverde.eu

 

PRAZO E REQUISITOS:

–       Enviar solicitude de asistencia antes do día 25 de outubro, adxuntando datos persoais de contacto e un breve texto de presentación e de cal é o motivo de querer facer o curso.

–       Se algunha persoa dispón dun teatriño de títeres axustado á súa altura, é axeitado que o traia para practicar nel durante o curso, e poder compartilo coas persoas que non o teñan.

*As persoas socias de Unima que así o soliciten,  poden acceder á seguinte axuda para asistir ao curso: 0.10 €/km de viaxe e 18 €/día de estancia. secretaria@unima.es