Falece Saladina Silvent

José Silvent e a súa filla Saladina a facer a porta na barraca de Barriga Verde
Este seis de febreiro falecía, aos 99 anos de idade, Saladina Silvent. Filla de José Silvent Barriga Verde e de Emerenciana Fernández, e irmá de Alfonso Silvent, Saladina traballou durante anos na barraca familiar que levou os títeres tradicionais por todo o país. Entre outras tarefas, Saladina causou sensación en moitas localidades polos seus números de canción e baile nas variedades que antecedían os espectáculo de monicreques. A súa beleza e talento quedaron no recordo de moitas persoas que asistiron a estas funcións.
Dentro destas, colaboraba tamén na propia función de títeres a se encargar de traballos como os efectos especiais cando aparecía o demo na obra, un labor que implicaba o uso de lume. Con ela desaparecen as últimas profesionais que participaban neste espectáculo. O noso agarimo a toda a familia.