Chega Titiriberia, o primeiro festival dedicado aos títeres tradicionais
Teo acolle un programa que inclúe sete obras, obradoiros, charlas, proxeccións e unha exposición
Toda a información sobre Titiriberia no web do festival
Cartel de Titiriberia en alta resolución
Programa de Titiriberia en PDF
De xeito pioneiro en todo o Estado, un festival explora o patrimonio ibérico de títeres tradicionais. Teo acollerá entre 7 e o 9 de decembro a primeira edición de Titiriberia, todo un maratón de representacións e actividades cos títeres tradicionais da Península como eixe. O Pericu catalán, os Robertos portugues o Don Cristóbal andaluz e, por suposto o Barriga Verde galego, daranse cita nun programa que mestura entretemento e reflexión e que achega sete obras diferentes, dez funcións e diferentes actividades sobre estes espectáculos populares.
O evento acollerá mostras das diferentes familias de títeres que desde hai séculos existen na Península e que fan parte dunha familia común cos monicreques europeos. A reclamar este parentesco, o festival Titiriberia nace co lema “Olladas nos Cristovos”, co que se reivindica un nome, o de Cristovos, que chegou a denominar de xeito popular este tipo de bonecos en todo o noso país e que deriva do nome de Don Cristóbal Polichinela, a versión hispana do personaxe. Con este proxecto a Asociación Cultural Morreu o Demo para a Recuperación do Títere Tradicional Galego dá un paso máis no seu labor de recuperación deste patrimonio inmaterial e organiza o primeiro festival de títeres tradicionais ibéricos, nunha iniciativa na que colaboran a Deputación da Coruña e o Concello de Teo.
A primeira edición do encontro contará con convidados de altura como Sebastián Vergés, expoñente dunha saga de titiriteiros cataláns que mantén viva a tradición dos pericus. Asimesmo, a compañía portuguesa Red Cloud traerá o seu espectáculo de Dom Roberto, personaxe tradicional que ata os anos 60 do século pasado era habitual atopar nos teatriños dos parques e prazas do Porto. Pola súa banda a compañía granadina Siesta teatro presentará un espectáculo baseado na tradición europea de títeres de cachaporra á que incorpora tintes andaluces . No entanto, para grande parte do público o máis rechamante será a presenza da compañía Títeres desde Abajo, que se fixo famosa logo de seren acusados os seus membros de apoloxía do terrorismo precisamente pola súa versión do espectáculo de Don Cristóbal. Nesta ocasión, o grupo porá en escena outra das súas adaptacións, as Cristobitas, neste caso dirixida para todos os públicos.
Titiriberia preséntase a reclamar a vixencia dun entretemento que na actualidade está en risco de extinción, e nesa liñe quere servir de espazo para a reflexión encol deste patrimonio. Deste xeito, o programa inclúe conferencias de titiriteiros e mesas redondas nas que se abordarán cuestións como a problemática de adaptar estes espectáculos aos gustos e sensibilidades do público actual ou se fará un repaso da tradición ibérica modalidade de arte escénica. Entre outros relatoras, achegarase a Teo Adolfo Ayuso, principal historiador dos títeres a nivel peninsular.
Nun evento como este non podería faltar Barriga Verde, o máis coñecido dos títeres populares galegos e homólogo no noso país das figuras ibéricas da familia de Pulcinella. Este celebérrimo personaxe, presente durante boa parte do século pasado en feiras e festas de todo o país, estará presente nun encontro de memoria. No mesmo, persoas da vila de recuperarán as súas lembranzas do espectáculo, o personaxe e o mundo das feiras tradicionais. Ademais, Títeres Alakrán presentará a súa nova versión deste personaxe e proxectarase o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, un percorrido polo mundo de Barriga Verde e dos títeres populares europeos.
Diferentes locais do concello acollerán o groso das actividades, que inclúen funcións específicas para o público escolar. A maiores, o Auditorio Constante Liste acollerá a exposición “Onde foi Barriga Verde?” que reflexiona sobre o esquecemento deste personaxe.
O festival terá como broche un concerto de Caxade, que presenta o seu segundo álbum “E isto é o amor”.
O Salón de Plenos do Concello de Teo acolle o vindeiro 30 de novembro ás 13 horas a presentación oficial deste evento.