Bota a andar Da Barraca á Aula 2023

Escenografías elaboradas na asociación ASPAMITE en Da Barraca á Aula 2022.
Co outono, a Asociación Morreu o Demo pon a andar unha nova xeira do seu programa didáctico Da Barraca á Aula, que desenvolve co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
Nesta ocasión, unha vintena centros de ensino, espazos de atención á terceira idade e asociacións os obradoiros de creación e manipulación de monicreques que fan parte deste proxecto e acollerán cursos de formación na arte dos títeres, exposicións sobre o legado titiriteiro e encontros e proxeccións arredor desta cuestión. Teo, Rianxo, Valdoviño, Ferrol, Mesía ou Vilasantar son algúns dos concellos nos que se desenvolverán estas actividades. Canda a eles, as asociacións de apoio á diversidade funcional Aspamite de Teo ou Ámbar de Ribeira acollerán obradoiros adaptados no marco deste proxecto.
Alén das propostas que se desenvolven co apoio da Deputación da Coruña, o proxecto Da Barraca á Aula chegará tamén neste 2024 a centros e asociacións da Estrada, O Vicedo ou Xunqueira de Ambía.
O proxecto Da Barraca á Aula, que comezou a súa andaina en 2019, pretende achegar a sociedade os títeres tradicionais galegos formando o público na construción e manexo de monicreques e achegando nocións básicas de dramaturxia. Deste xeito, faise das persoas participantes axentes activos da transmisión deste patrimonio inmaterial e esperta o interese e o coñecemento sobre esta forma de arte.
Centrado nas súas primeiras fases no ámbito educativo, o proxecto leva desenvolvidas desde a súa creación máis 120 actividades en diferentes provincias galegas e chegou a máis de 13.000 persoas de diferentes idades. Ademais, xerou diferentes contidos didácticos como exposicións e vídeos que facilitan a divulgación destes contidos en diferentes ámbitos.
O programa conta con diferentes módulos de formación que se adaptan aos coñecementos e intereses dos diferentes centros. O Curso de iniciación titiriteira facilita unha formación básica teórica e práctica sobre a arte dos títeres, a atender a cuestións de escrita dramática, construción de monicreques e representación de obras. A actividade integra contidos temáticos escolleitos por cada centro participante, de xeito que os contidos das obras aplícanse a cuestións como a igualdade de xénero, a lingua, o patrimonio inmaterial ou outros temas que se traballan na aula correspondente.
Fronte a este, o Curso avanzado de títeres, orientado a grupos que xa teñan integrados os coñecementos anteriores, contempla a creación de bonecos máis complexos, con técnicas de modelado de cartón pedra, ademais de abordar formas máis elaboradas de manipulación e incluír nocións de escenografía para as montaxes.
Estas actividades complétanse con obradoiros de formación en recollida de memoria. Nestes, o alumnado participantes coñecerá técnicas etnográficas para desenvolver recollidas de memoria sobre o tema dos títeres e das festas e feiras tradicionais, uns coñecementos que tamén se poderán aplicar a calquera outro tema neste ámbito. Ademais, tamén se inclúen na oferta obradoiros orientados ao uso de medios audiovisuais con este fin, realizando unha introdución nas técnicas de gravacións de vídeos e audio mediante dispositivos móbiles.
Cada unha das actividades propostas inclúen sesións de formación co profesorado e responsables dos centros participantes ademais da dotación de recursos bibliográficos e online arredor dos temas tratados. Entre estes, destaca a colección de vídeos didácticos “Da Barraca á Aula” ou “Títeres no Salón” que desenvolveu a AC Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura, respectivamente.
Entre as novidades deste ano, a iniciativa presenta o programa “Títeres á rúa, a festa continúa”, orientado a asociacións culturais, sociais e veciñais. No marco do mesmo, a AC Morreu o Demo achegaralle a estas entidades formación na creación e manipulación de títeres, orientados á recuperación da memoria local na procura de personaxes, historias ou feitos da memoria comunitaria e animarase ao emprego dos títeres nas actividades habituais das asociacións, sexan estas culturais, de ocio ou mesmo reivindicativas. Deste xeito, para alén de promover unha maior presenza do títere tradicional na sociedade, tamén se quere pular por reivindicar o aspecto crítico e satírico desta disciplina, e a súa capacidade para xerar referentes comúns para as comunidades locais.
As actividades presenciais complétanse cunha serie de recursos en liña que a Asociación Morreu o Demo pon a disposición dos centros participantes.
- Web do proxecto Da Barraca á Aula
- Guía para realizar entrevistas sobre os títeres tradicionais
- Testemuños, mesas redondas e obras de títeres na canle de Youtube de Morreu o Demo
- Guía Didáctica e exposición “Onde foi Barriga Verde?”
- Catálogo da exposición “De feira en feira”
- Contidos da exposición “De feira en feira”
- Vídeos Da Barraca á Aula (11 vídeos)
- Títeres de Salon (2 vídeos)