Barriga Verde volta á Feira do San Martiño de Francos

A barraca combinará espectáculos protagonizados polo popular personaxe con animacións e outras propostas de títere tradicional galego

O primeiro ano no que a Feira de San Martiño de Francos conta coa declaración de Interese Turístico Galego, non podía faltar Barriga Verde no programa. A Carballeira de Francos, en Teo, acolle este 11 de novembro as actividades da Barraca de Barriga Verde, organizadas pola Asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo.

No marco da concorrida feira cabalar, que este ano non poderá contar con equinos por mor da praga de dermatose nodular, sucederanse ao longo de toda a xornada as representacións de versións actuais deste popular personaxe. Nesta ocasión, Larraitz Urruzola achega ao programa a súa Dona Barriga Verde, obra na que propón unha relectura da obra clásica cunha protagonista feminina que é a encargada de manexar a cachaporra. Canda a ela, Títeres Alakrán representan o seu Barriga Verde ataca de novo, unha actualización dos números que a familia Silvent fixo famosos por feiras e festas de todo o país.

A eles súmase Viravolta Títeres con Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón, unha montaxe na que recuperan a figura do histórico bandoleiro galego e lévana á linguaxe dos títeres de cachaporra con música ao vivo.

A estas propostas engádense unha serie de números de animación realizados de xeito específico para a feira. Os mesmos combinan a recreación dos espectáculos que a familia Silvent realizaba na porta da Barraca para atraer público cunha homenaxe aos antigos cegos cantores. Romances cantados, títeres e música combínanse nestes pequenos espectáculos que non deixarán a ninguén indiferente.

A barraca estará situada detrás da Casa Común, e todas as actividades son de balde e abertas ata completar a capacidade da carpa.

Barriga Verde foi o títere máis popular da Galiza no século XX. Percorreu da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres de cachaporra que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A Asociación Morreu o Demo traballa mediante diferentes programas e accións para revitalizar este patrimonio.