Barriga Verde volta á Feira Cabalar de San Martiño, en Teo

O títere popular contará cunha barraca na Carballeira de Francos este 11 de novembro

En 2019, o ano previo á pandemia de Covid-19, Barriga Verde celebrou a súa última actuación na Feira Cabalar do San Martiño en Francos, Teo. Daquela, a actuación desenvolvíase no marco do Festival de Títeres Tradicionais Titiriberia, que as persoas responsables de Cultura no concello naquel momento deixaron de apoiar.

Agora, logo da mudanza que se deu na corporación local, recibimos con alegría a solicitude de que Barriga Verde voltase á festa, e aí imos.
Unha carpa ao carón da igrexa, acondicionada e co pórtico que reproduce a barraca orixinal da familia Silvent, acollerá ao longo de todo o día 11 novembro actuacións de dúas das versións actualmente en activo do noso títere popular máis coñecido. Desta volta serán a Dona Barriga Verde de Larratiz Producións Artísticas e mais Barriga Verde ataca de novo, de Títeres Alakrán, quen amose ao público este títere tradicional.

Ademais, haberá animación de rúa e unha actuación do Cego dos Monifates no exterior da barraca.

Na AC Morreu o Demo aledámonos enormemente de regresar a este espazo, onde existen aínda lembranzas do Barriga Verde orixinal que a familia Silvent trouxo durante anos á Feira. Con esta presenza queremos continuar a nosa reivindicación das feiras como un espazo de cultura e un ámbito que coidar como parte das nosas tradicións.

PROGRAMA – 11 de novembro
10,30h- Dona Barriga Verde de Larraitz Prod. Artísticas
11,30 – Barriga verde ataca de novo de Títeres Alakrán
12,15 h – O cego dos Monifates de Viravolta Títeres – na porta da barraca
13h- Dona Barriga Verde de Larraitz Prod. Artísticas
16h- Barriga Verde ataca de novo de títeres Alakrán

– A barraca estará instalada no campo da feira, onda a entrada da igrexa
– Antes de cada función haberá espectáculos de animación no exterior

Actividade desenvolvida co apoio do Concello de Teo.