Barriga Verde no San Martiño 2023
Un ano máis, a Barraca de Barriga Verde volta á afamada Feira Cabalar de San Martiño de Francos, en Teo. Este espazo, escenario habitual dos espectáculos da familia Silvent, mantense fiel ao noso títere tradicional cunha nova xeira de funcións. Desta volta será o sábado 11 cando Títeres Alakrán, co seu Barriga Verde ataca de novo e mais Larraitz Producións Artísticas e a súa Dona Barriga Verde quen alternen os seus espectáculos na barraca. Canda a eles, Maese Seisdedos recreará outra antiga tradición escénica propia das feiras co espectáculo O cego dos monifates.
Canda a estas propostas, neste 2023 a presenza de Barriga Verde arredor do San Martiño amplía o seu alcance cunha itinerancia da exposición didáctica Onde foi Barriga Verde?, que visita os centros de ensino do concello durante a primeira quincena do mes de novembro. As actividades son posibles grazas ao apoio do Concello de Teo.
Localización da barraca en Google Maps