Barriga Verde no Entroido do Cole de Cea
Non cómpre se disfrazar de peliqueiros ou de xenerais da Ulla para ter un entroido ben galego. Os amigos e amigas do CPI Virxe da Saleta, o Cole de Cea, apostaron por ambientar nas feiras tradicionais as súas actividades de Entroido deste ano. O vindeiro venres 1 de marzo e no marco do proxecto O noso. Amamos o que coñecemos, o alumnado vai recrear unha feira tradicional. Oficios como panadeiras, ferreteiros, polbeiras, taberneiros, limpabotar, emigrantes retornados, a Garda Civil e as forzas vivas do pobo daranse cita neste encontro no que tamén estará presente a Anpa do colexio a achegar unha chocolatada.
E como en toda feira que se preze, tamén hai títeres! O propio alumnado colle os bonecos e leva a escena unha versión do mítico Barriga Verde. Nesta ocasión trátase dunha obra titulada Barriga Verde contra o monstro come-risos na que non falta a cachaporra nin o demo. A AC Morreu o Demo colaborou asesorando no guión e na escenificación desta montaxe, que continúa o traballo que en anos anteriores xa desenvolveron no centro a pór estudantes e estudantas a traballar cos bonecos.
Non podemos menos que aledarnos desta proposta, e agardamos que cunda o exemplo e que vaian aparecendo cada vez máis Barrigas Verdes polos centros de ensino.
MORREU O DEMO, ACABOUSE A SALETA!