Barriga Verde na Feira de San Martiño de Francos 2022
Un ano máis, o Concello de Teo conta coa presenza de Barriga Verde e coas actividades da AC Morreu o Demo para dinamizar a Feira de San Martiño de Francos. Neste 2022 a actividade comezará no 6 de novembro coa celebración da Feiriña, o programa específico de actividades para o público máis novo. No marco desta iniciativa, a asociación, da man de Babaluva Títeres, desenvolverá ao longo do días tres sesións de obradoiros de creación e manipulación de títeres. Os bonecos, que se farán con cartulina, serán títeres de variña, ideais para a se introducir nesta arte escénica a calquera idade.
En paralelo, a Asociación ASPAMITE, de atención a persoas con diversidade funcional no Concello, desenvolve no marco do programa didáctico Da Barraca á Aula unha serie de obradoiros de creación e manipulación de títeres e de escenografía que teñen a Feira de Francos como eixe. Así, ao igual que no pasado ano, realizarán unha escenografía da feira pensada para o seu uso con títeres. Esta escenografía estará a disposición das persoas que participen no Obradoiro da Feiriña para que representen nela escenas propias da feira.
Unha mostra da escenografía realizada pola xente de ASPAMITE este ano.
En seguintes sesión, as persoas usuarias de ASPAMITE farán o seus propios títeres, cos que representarán diferentes persoas e tipos propios desta feira tradicional. Polbeiras, tratantes de cabalos, paseantes, feirantes, encargadas de postos, titiriteiras e mesmo o gando cobrarán vida a partir das mans e das olladas deste grupo, que recreará o evento.
Tamén dentro do marco do programa Da Barraca á Aula, o alumnado do IES de Cacheiras realizará un obradoiro en varias sesións sobre técnicas de recuperación da memoria e introdución á etnografía. Dentro desta actividade, as persoas participantes investigarán as memorias que existen entre familiares e veciñanza sobre a feira tradicional de francos, as actividades de ocio que tiñan os seus maiores cando eran novos ou a pegada que deixaron os títeres tradicionais na zona.
Para o propio día 11, e no marco da feira estará instalada de novo a Barraca de Barriga Verde. Este espazo acollerá diferentes actividades de dinamización en exterior a recrear as funcións que os titiriteiros tradicionais realizaban antes das súas funcións. Neste caso, poderá verse, da man de Viravolta Títeres, unha recreación da Sorte do Paxariño, sistema adiviñatorio presente en todas as feiras do país, e mais animación con gaita e títeres á plancheta.
Xa dentro da barraca, e en funcións de balde, sucederanse ao longo de toda a xornada as representacións da obra “Barriga Verde ataca de novo” de Títeres Alakrán e mais de “Dona Barriga Verde” de Larraitz Producións Artísticas. A primeira destas obras, recrea e actualiza os números máis tradicionais que as familia Silvent fixo famosos por toda Galicia. O encontro de Barriga Verde co soldado, co barbeiro ou coa norte sucédense con abondosos estacazos e moitas risas. O Dona Barriga Verde de Larraitz, pola súa banda, mantén tamén a esencia humorística do títere de cachaporra, pero subverte o personaxe tradicional cun troco de xénero que ha sorprender a todo o público.
A Feira de Francos era unha parada habitual para os monicreques tradicionais da familia Silvent, que chegou a emparentar nesta zona e deixou a súa pegada nos recordos de grande parte da veciñanza. O proxecto Da Barrca á Aula desenvólvese co apoio da Deputación da Coruña.