Barriga Verde en Luar

Borja Ínsua, Barriga Verde, Mary Silvent, Pablo Carpintero e José Ramón Gaioso en Luar

O pasado venres 14 de setembro deuse un fito histórico. Barriga Verde apareceu en Luar, o programa máis visto da TVG, a auténtica barraca virtual da feira dos nosos días. Da man do investigador musical Pablo Carpinteiro, Borja Ínsua de Títeres Alakrán, adaptou o enfrontamento de Barriga Verde co Demo da súa versión da obra para incluír a Gaioso e ao propio programa e transmitilo ao vivo ao todo o país e boa parte do estranxeiro. Ademais, amosou o seu bo facer coa palleta e aproveitou para lembrar a vindeira celebración do festival Titiriberia en Teo.

Un momento da actuación de Barriga Verde en Luar

A presenza de Barriga Verde serviu tamén para lle render homenaxe aos membros da familia Silvent, como Alfonso e a súa filla María, presente no programa, que conservaron este patrimonio inmaterial, canda a bonecos e diferentes restos da Barraca, para novas xeracións.

Todo un fito para a normalización dos títeres tradicionais e a divulgación deste personaxe fundamental no noso imaxinario. Barriga Verde xa está ao mesmo nivel que Boney M!
Benzóns, moitas grazas a todas as persoas que o fixeron posible!

Podes ver a visita de Barriga Verde a Luar a partir do minuto 11:20 do vídeo do programa, dispoñible no web da CRTVG