Barriga Verde en 2021
Logo dun ano marcado polas restricións da pandemia e o traballo en liña, este 2021 supuxo para a Asociación Morreu o Demo un intenso retorno á actividade presencial.
Despois da V Edición de Titiriberia coa que aterramos en Rianxo nos últimos días de 2020, a VI xeira do noso festival celebrouse só seis meses despois, trasladándose ao calendario estival. Aínda con limitacións de capacidade e cunha reducida participación de artistas de fóra por mor da pandemia, o evento conseguiu unha entusiasta aceptación na vila. A colaboración do Grupo de Teatro Airiños, da Escola Municipal de Música, da Aula Ocupacional e, por suposto do Concello de Rianxo, marcaron unha rápida integración do evento na axenda cultural do lugar, da que estamos tremendamente contentos. Por suposto, todo grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello. No marco do festival, como está a ser habitual, contribuímos a xerar novos contidos arredor do títere tradicional galego. Para alén do espectáculo deste ano das Varietés de Barriga Verde, desta volta contribuímos na produción dos espectáculos “Máscara Maldita” de Nando Llera e mais de “A feira das sementes” de Babaluva. Tamén publicamos íntegra a mesa redonda desta edición dentro dos vídeos do Titiriberia 2021.
O proxecto Da Barraca á Aula seguiu a medrar neste ano. Lanzamos o seu propio web (no que seguimos a traballar) e presentamos os vídeos que realizamos ao longo do ano pasado, 11 no marco deste proxecto e 2 na serie “Títeres de Salón“. En conxunto, conseguimos artellar un importante fondo de materiais didácticos para introducir os títeres nas escolas. Ademais, ao longo de todo o curso, e en particular no primeiro trimestre do curso 2021-2022 desenvolvemos unha intensísima actividade con obradoiros que chegaron aos centros escolares de Rianxo para alén de manter presenza en varios de Teo, nas aulas do colectivo ASPAMITE e mais no CEIP de Présaras. Tamén seguimos o traballo no o CEIP Virxe da Saleta de Cea, e o CEIP de Xunqueira de Ambía que recibiron tamén obradoiros e exposicións deste proxecto. Nesta xeira iniciamos ademais unha colaboración coa cooperativa MaOs, que achega o seu saber no campo da recollida de memoria para traballar nas aulas con ese pasado dos títeres populares.
E conseguimos voltar á Feira do San Martiño de Francos en Teo. A nova corporación municipal tivo a consciencia de que a achega da Barraca de Barriga Verde era necesaria neste encontro, como se demostrou nos últimos anos, para manter a singular esencia da feira. E alí estivo de novo o títere tradicional máis coñecido do país, en dúas das súas recreacións, a conseguir cheos na barraca e mesmo a ter que programar algún bis. Unha ledicia de encontro, co personaxe no seu ámbito natural, que son as feiras, e unha espiña que tiramos.
A exposición Kinético, que coproducimos para o Titiriberia 2020, desenvolveu unha intensa itinerancia, con paradas en varios concellos de Lugo e unha espectacular estadía no Feira das Industrias Culturais Culturgal. A Asociación Colaborou tamén con Títeres Viravolta na exposición que a veterana compañía desenvolveu no Vello Cárcere de Lugo e na que se proxectou o documental “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Tamén se puido ver no videofórum que organizamos en Rianxo no mes de decembro, e a CRTVG emitiuno e púxoo dispoñible en liña a través do seu web.
Recuperamos novas memorias sobre o Barriga Verde orixinal coa publicación de tres vídeos. Nas mesmas Félix e Antonio Caspatín lembráronnos como era a Feira do Vento en Lalín.
Viravolta este ano levou ao seu Barriga Verde a Portas, mentres Títeres Alakrán achegou o seu ataca de novo ao IES de Valga, a Cambados, Teo, Vilalba e Corcubión. Santiago Compostela, pola súa banda recuperou a Barriga Verde para as Festas da Ascensión da man de Larraitz Urruzola, que tamén levou a súa Dona Barriga Verde ao Barco de Valdeorras e á Coruña. Larraitz tamén incluíu o personaxe no seu espectáculo “A festa dos monicreques” que se puido ver en Mondoñedo e Lalín no marco do Festival Atlántica e mais en Moraña eValga. As dúas últimas compañías estiveron tamén presentes na Barraca de Barriga Verde da Feira de Francos.
E o CEIP de San Benito de Lérez incluíu o seus veciños José e Alfonso Silvent, que levaron a Barriga Verde por todo o país, nun mural.
Non podemos fechar o resumo sen lembrar que neste 2021 sumamos á AC Morreu o Demo valiosas incorporacións. Lucho Penabade, Tero Rodríguez e José Luís Do Pico Orjais están xa desde hai uns meses a traballar a todo ritmo e achegar moitas ideas desde a súa ampla experiencia no campo escénico, da música e da educación. En particular, os dous últimos revelaron a súa valiosísima colaboración á hora de integrar o Titiriberia na axenda e mais na sociedade rianxeiras.
Foi un ano cheo de novos espazos, de novos materiais, con bo ritmo e metas conseguidas. Entre elas, desenvolver as nosas actividades cunha maior sustentabilidade e máis coidados no traballo. Máis asentados, con moitos proxectos por desenvolver e cheos de forza, continuamos a feira!