Barriga Verde en 2020
O ano 2020 veu cargado de complicacións por mor da pandemia de Covid-19. No entanto, mesmo no medio de confinamentos e coidados varios, atopamos ocos para continuar en marcha e aproveitamos para ampliar a nosa acción virtual.
- Entre os fitos do ano, cabe sinalar o traslado a Rianxo do V Festival Titiriberia. A repentina e inxustificada decisión da concellaría de cultura de Teo de retirar o apoio ao evento levounos a procurar unha alternativa. E non podíamos atopar unha mellor. A implicación e o apoio que estamos a atopar na corporación municipal rianxeira fannos confiar nun futuro brillante para o noso festival, con vías para o facer medrar e asentalo nunha localidade que ten claro o potencial desta proposta.
- No marco do mesmo, a produción da exposición de autómatas Kinetico sumouse nesta ocasión ás xa habituais Varietés de Barriga Verde como grande aposta propia do evento. A se adaptar á situación sanitaria, optamos por unha edición semivirtual na que publicamos na rede, por tempo limitado, todas as actuacións que se desenvolveron no evento, cun importante éxito de público, a sumar en apenas unha semana desde a fin do programa, un milleiro de visionados e a medrar.Deste xeito, cremos ter conseguido manter e mesmo ampliar o alcance do festival, que se consolida ano a ano como foco do títere tradicional no país.
- Para alén duns cuantos vídeos novos na nosa canle, entre eles a mesa redonda sobre a innovación no títere tradicional, o festival déixanos tamén unha nova exposición, A arte dos Silvent, que se integra na oferta de actividades da nosa asociación.
- Malia aos problemas que houbo para rematar as actividades do programa didáctico Da barraca á aula nos centros que participaban no mesmo no curso 2019-2020, conseguimos ampliar esta proposta para a xeira 2020-2021. Co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, levamos o programa aos centros de ensino de Rianxo, onde está a ter unha acollida espectacular, e incluímos o CEIP de Présaras, en Vilasantar. Da man do Ministerio de Cultura, continuamos a actividade no CPI Virxe da Saleta de Cea e incorporamos o IES de Xunqueira de Ambía á proposta. Para alén, estamos xa en contacto con máis centros interesados en integrar o títeres tradicional nas súas aulas.
- A complementar esta oferta, e como resposta titiriteira á situacion de feche domiciliario iniciamos a serie de vídeos Títeres para o confinamento, na que se ensinan a elaborar diferentes tipos de marionetas con materiais caseiros e que conseguiron un éxito inédito, con case 1.500 visionados.
- Na mesma liña, desenvolvemos a nosa colaboración coa asociación Aspamite de Teo, a realizar obradoiros adaptados aos seus usuarios e á situación sanitaria, cunha estupenda aceptación.
- Saíu publicado por fin Titeredata, “Estudio sobre el Sector del Teatro de Títeres, Visual y de Objetos” no que participamos como entidade asociada. Unha visión pioneira sobre este ámbito que supón unha base fundamental para o futuro.
- Malia ás múltiplas cancelacións e adiamentos, houbo Barrigas Verdes no Vicedo, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Valdoviño e Ribadeo da man de Larraitz Urruzola, e no Festival Internacional de Títeres de Xerez, con Títeres Alakrán. Ademais, Larraitz tamén falou sobre Barriga Verde na súa actividade “A festa dos monicreques” nas bibliotecas de Ourense e Dumbría, e impartou un obradoiro co personaxe na Casa Colorida de Nigrán.
- Na nosa liña de recuperación da memoria, publicamos o vídeo da entrevista que lle fixeramos ao xornalista Arturo Lezcano, tristemente falecido, a rememoras os títeres da súa infancia nas festas do Corpus de Ourense.
- Tamén publicamos o vídeo da mesa redonda do Titiriberia 2019.
De xeito inevitable, a pandemia dificultou moito as nosas actividades, pero pensamos que este 2020 asentou as bases de novos xeitos de traballar e abre camiños prometedores para o futuro. Desde logo, nós estamos encantados co acollemento, cada vez mellor, que están a ter as nosas propostas, e agardamos que 2021 dea para desenvolver un bo feixe de proxectos e iniciativas! Ganas non faltan! Moitas grazas a tod@s!