Barriga Verde en 2019
O repaso do labor da AC Morreu o Demo durante 2019 veu marcado por tres grandes fitos. A presenza da grande exposición Barriga Verde. De feira en feira no Museo Etnográfico de Castela e León entre abril e setembro amosou o potencial do noso títere tradicional alén de Galicia. 1.750 persoas máis visitaron a montaxe e sumaron así 20.000 visitas en toda a itinerancia deste proxecto.
Por outra banda, a posta en marcha do proxecto Da barraca á aula supuxo o prometedor inicio dun imprescindible traballo didáctico para garantir a transmisión deste patrimonio inmaterial. A nova colaboración cos centros de ensino de Teo e continuación do traballo do Cole de Cea (que xa deu os seus froitos no final do último curso) amosan o potencial desta liña de traballo. Ademais, no marco do proxecto púxose en marcha a nova exposición itinerante A grande familia do títere europeo, que dá a coñecer toda a parentela de Barriga Verde.
Canda a isto, a nova edición de Titiriberia abriu tamén novos camiños co éxito dun primeiro curso co que queremos promover o achegamento do sector titiriteiro galego ás formas tradicionais da arte e novas propostas no programa.
- Ademais disto, o ano comezou intenso coa presenza de Barriga Verde na Real Academia Galega, nun emotivo acto no que se lembrou a Raimundo García Borobó como grande valedor desta figura.
- O noso compañeiro Xaime Iglesias continuou o seu labor de investigación hemerográfica e tirou do prelo un interesante estudo sobre a presenza en prensa de Barriga Verde da man do Concello de Lugo.
- Deunos o seu traballo a nivel de medios a polémica que acompañou a presentación de Dona Barriga Verde en Sarria. Aínda que iso deu tamén nun apoio brutal do sector escénico ao traballo do sector titiriteiro galego e a prol da liberdade de expresión. E, por certo, que da man de Larraitz Urruzola está na rede a obra íntegra, para que público e responsables de programación poidan saber con antelación que é o van ver.
- Houbo barrigas verdes en Compostela, Malpica, Ribeira, Ares, Laxe, Boiro, Carballiño, Moaña, Lérez, Vilanova dos Infantes, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival Internacional de Títeres de Redondela da man de Larraitz Urruzola. Pola súa banda, Títeres Alakrán levou o personaxe Castellón, Zaragoza, Arxentina, Oza-Cesuras e Muras. Mentres Viravolta armou a súa reconstrución da barraca dos Silvent no Titirideza de Lalín e mais na Feira do Carballiños de Vilatuxe. Para alén, por suposto, das actuacións incluídas no Titiriberia.
- O documental Morreu o Demo, acabouse a peseta integrouse no catálogo GaliciaLe, o que permite visualizalo a domicilio.
- A compañeira Comba Campoi presentou o seu traballo de investigación Sen medo ao demo en Allariz.
- Tamén publicamos a mesa redonda íntegra do Titiriberia 2018 e mais dous resumos en vídeo da edición.
- Participamos como parceiras no estudo sobre o Teatro de Títeres, Visual e de Obxectos en España, unha ferramenta de grande importancia para artellar este sector.
Fóra do noso traballo inmediato, asistimos con tristura ao feche do Museo Galego da Marioneta en Lalín, un espazo que para nós era fundamental de cara á futura conservación do legado material da familia Silvent. Doutra banda, aledámonos do recoñecemento ao sector que supón Premio da Cultura Galega a Kukas e aprezamos o enorme potencial do Encontro de Titiriteiros de Mondoñedo, onde participaron membros da nosa asociación de cara a xerar un novo espazo para o sector.
O 2020 arrinca con varios proxectos pendentes e a consolidación de Da barraca a aula como unha grande priorirade. Seguiremos a dar guerra!