Barriga Verde. De feira en feira no Museo Etnográfico de Castela e León


Logo da exitosa estanza no TOPIC de Tolosa, a Asociación Cultural Morreu o Demo continúa coa proxección da figura de Barriga Verde e do mundo das feiras tradicionais alén do noso país. Desta volta, é o Museo Etnográfico de Castela e León, o centro de referencia da cultura popular da comunidade veciña, o que acolle a nosa grande exposición Barriga Verde. De feira en feira.

Desde o vindeiro 10 de abril e ata o 1 de setembro, os visitantes poderán coñecer unha versión traducida ao castelán da exposición que xa viron máis de 11.000 persoas e que repasa a historia do títere tradicional galego. A familia de titiriteiros que o levaron por todo o país, a parentela europea do personaxe, o papel das feiras na sociedade rural son algúns dos temas que se abordan nesta iniciativa, que achega tamén gravacións dos últimos membros da familia Silvent que participaron do espectáculo.

Precisamente a xenerosidade desta familia permitiu que a exposición conte con pezas orixinais das barracas e os auténticos bonecos que os Silvent empregaban nos seus espectáculos, que por primeira vez saíron ao público con esta mostra logo de cincuenta anos custodiados na casa familiar.

A exposición amosa o carácter universal da nosa cultura e como unha das iconas máis recoñecidas da identidade popular galega ten un enorme potencial para nos comunicar alén das nosas fronteiras.

Os contidos da exposición están dispoñibles no noso web. A mostra pode visitarse de balde no horario de apertura do museo, entre martes e domingo de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00h.