As festas da Ascensión traen de novo a Barraca de Barriga Verde a Santiago

O tradicional espectáculo de títeres fai parte do programa das festividades da capital galega

A Praza de Mazarelos acolle este programa entre o 9 e o 12 de maio

As festas da Ascensión, que se desenvolven entre os días 8 e 12 de maio en Santiago de Compostela, contan unha vez máis cunha programación de títeres neste 2024. A Barraca de Barriga Verde, que se puido ver nas festividades de 2022, fai de novo parte do programa e recupera este personaxe tradicional que estivo historicamente presente en feiras e festas de todo o país, a incluír as da capital galega.

A Asociación Cultural Morreu o Demo, grazas á colaboración do Concello de Santiago, instala na Praza de Mazarelos a Barraca de Barriga Verde, réplica que a compañía Viravolta realizou da antiga carpa que a familia Silvent levou durante a maior parte do século XX por feiras e festas de todo o país. Trala súa fachada, que recupera estilo daquel histórico recinto, poderán verse as versións de Barriga Verde que diferentes compañías de títeres do país teñen en cartel, canda a montaxes de titiriteiras da cidade, todas elas de balde.

Deste xeito programa comeza o día 9 con dúas compañías compostelás. Títeres Babaluva presenta ás 12:30 horas a súa última montaxe A filla do Cacharulo. Contos, música ao vivo, narración oral e homenaxe á artesanía e aos oficios tradicionais combínanse nesta proposta chea de encanto. Na tarde, será a histórica Monicreques de Kukas a que poña en escena Xan Perillán e Maleta Máxica. Números e clown e monicreques atópanse nesta obra chea de fantasía na que o protagonista prepara a equipaxe para viaxar a Percambuco canda ao seu loro Ravachol.

Os seguintes tres días, Barriga Verde protagoniza a programación da Barraca. O 10, Larraitz Producións Artísticas presenta, en dupla sesión de mañá e de tarde, a súa Dona Barriga Verde. A compañía propón unha revisión da obra clásica da familia Silvent que conta, por vez primeira, cunha protagonista feminina. O cuestionamento dos roles de xénero tradicionais combínase co respecto ás formas do títere de cachaporra nunha proposta que segura risas.

O día 11 será a quenda de Títeres Alakrán, tamén en sesión dupla ás 12:30 e ás 18:30 horas, co seu Barriga Verde ataca de novo. O espectáculo mantén a esencia da tradición dos títeres de cachaporra co uso da palleta e un único manipulador detrás do escenario ao tempo que adapta os contidos históricos aos nosos días.

A proposta da Barraca finalizará o día 12 coa actuación, ás 12:30 da mañá de Viravolta Títeres, que co seu Barriga Verde fai unha aposta pola recreación do espectáculo orixinal que a familia Silvent levou por todo o país con antagonistas clásicos como o cura, o Demo ou a Garda Civil e números como o enterro ou o barbeiro.

Títeres de cachaporra

Barriga Verde fai parte do xénero do títere de cachaporra. Esta antiga forma escénica, cuxa orixe está datada no Nápoles do século XVI, conta con representantes excelsos en múltiples países europeos. Pulchinella en Italia, Guignol en Francia, Mister Punch no Reino Unido, o alemán Kasper, os Robertos portugueses ou o Don Cristóval español preséntase como irmáns de Barriga Verde, a compartir argumentos, carácter e moitos dos elementos nas súas obras. Mentres noutros países este patrimonio inmaterial mantense vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, no noso país a AC Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de títeres, están a dar aínda os primeiros pasos para garantir a supervivencia do representante galego desta tradición internacional.

Os espectáculos, a seguir a tradición da cachaporra, baséanse maioritariamente na comedia física, as persecucións e os conflitos. O protagonista representa un heroe que, ao xeito dos mitos ancestrais, enfronta os máis diversos inimigos e sobreponse aos seus enganos e ao seu poder grazas ao seu valor e á súa retranca.

Barriga Verde

Barriga Verde fíxose o títere galego máis coñecido ao longo do século XX. A familia Silvent, a desenvolver o seu espectáculo por todas as feiras e festas do país, conseguiu unha popularidade inédita, quedando na memoria de xeracións de galegas e galegos que asistiron as súas funcións. A presenza da barraca familiar en feiras como a da Ascensión, a Pascua de Padrón, o San Marcos de Noia, a Peregrina de Pontevedra, o San Froilán de Lugo ou as San Lucas de Mondoñedo entre moitas outras, constituía todo un fito. O personaxe foi reivindicado por persoeiros da cultura do país como Borobó, Vicente Risco, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Trapero Pardo entre moitos outros, e destacou por ser a principal forma teatral que se desenvolveu en galego durante o franquismo.

Asociación Morreu o Demo

A AC Morreu o Demo leva desde 2013 a desenvolver todo tipo de propostas para a recuperación do títere tradicional galego. Entre os fitos do seu traballo está a grande exposición “Barriga Verde. De feria en feira” que puideron ver 11.000 persoas en diferentes localidades galegas e foráneas. Tamén desenvolve, co apoio da Deputación da Coruña, o festival Titiriberia, que cumpre este 2022 a súa sétima edición no Concello de Rianxo, e o programa didáctico Da Barraca á Aula que leva a centros de ensino de boa parte do país coñecemento sobre os títeres tradicionais e ensina ao alumnado a crear e manexar estes bonecos. Canda a isto, diferentes publicacións, vídeos a recuperar testemuños sobre as feiras e os títeres tradicionais ou exposicións didácticas están a contribuír a espallar o coñecemento sobre esta tradición.