A UNIMA recoñece o traballo polo patrimonio da Asociación Morreu o Demo

 

Os barrigas verdes de Alakrán, Viravolta e Larraitz

A Comisión de Patrimonio da Asociación Internacional da Marioneta outórgalle o seu Certificado ao proxecto de recuperación do títere tradicional galego

É a primeira ocasión que este organismo asociado á UNESCO outorga estes galardóns

Compostela. 7 de outubro

UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos a nivel global arredor do títere, acaba de facer pública a listaxe das persoas que obtiveron o seu  Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro. Dentro destas, atópanse os seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do títere tradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.

O comité destaca do traballo de Morreu o Demo “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer”. A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao se entregar a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García and Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio titiriteiro galego que botaron a andar este proxecto en 2013. 

Segundo indica UNIMA, este certificado “recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas titiriteiras ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio titiriteiro e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio”.

A cerimonia de entrega dos certificados terá lugar durante o Congreso de UNIMA en Chuncheon, Corea do Sur, en data e hora aínda por concretar. A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA). base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos títeres a nivel internacional.

Morreu o Demo naceu en 2013 da man dun grupo de persoas dedicadas á arte dos títeres e á investigación deste patrimonio. Desde entón, desenvolveu publicacións como a do DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde. De feira en feira, que acumulou máis de 15.000 visitas en diferentes localidades galegas e foráneas, ou o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que achega o títere tradicional a centros de ensino de todo o país desde 2019.

Ademais, desenvolve desde o ano 2016 o festival Titiriberia, único da Península centrado no títere tradicional, radicado actualmente en Rianxo. No marco deste promoveu a creación de espectáculos de títeres tradicionais da man de diversas compañías galegas, a apoiar a recuperación de diferentes versións de Barriga Verde actualmente en activo. Canda a accións formativas para profesionais do sector, no marco da Escola de Títeres Barriga Verde, a Asociación programa tamén a presenza da recreación da Barraca de Barriga Verde vencellada a diferentes feiras e festas populares, como a Feira Cabalar de Francos, en Teo, ou as Festas da Ascensión en Santiago de Compostela. Ademais desenvolve diferentes iniciativas de recuperación da memoria sobre o títere tradicional e as feiras populares.

Barriga Verde foi o títere máis popular da Galiza no século XX. Da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A colaboración da familia Silvent, que custodia aínda as pezas orixinais do espectáculo, resultou imprescindible para desenvolver o traballo de recuperación da Asociación Morreu o Demo.

Canda á proposta galega, UNIMA recoñeceu cinco proxectos estatais (o Betlem de Tirisiti, o Centre de Documentació i Museu de les Arts Escèniques (MAE), La Tina Norica de Pepe Bable e mais o traballo dos investigadores e divulgadores Francisco J. Cornejo Vega e Toni Rumbau, director da publicación especializada Titeresante. En Portugal, a listaxe incorpora o proxecto que mantén con vida os tradicionais Bonecos de Santo Aleixo.

Lucile Bodson (Francia), Kathy Foley (EEUU), Idoya Otegui (España), Dadi Pudumjee (India) e Nancy Staub (EEUU) conformaron o comité de selección que emitiu estes certificados. En 2015 UNIMA lanzara unha primeira versión dos mesmos cos que galardoara tres iniciativas de patrimonio titiriteiro. A reactivación destes galardóns iniciouse cunha convocatoria de candidaturas o pasado mes de marzo de 2024, e a resolución dos mesmos realizouse o pasado 12 de setembro. A intención de UNIMA é actualizar a lista de homenaxeados cada dous anos. 

Listaxe de premios do patrimonio no web de UNIMA