A barraca de Barriga Verde no San Martiño de Francos 2024
Un ano máis, a Barraca de Barriga Verde estará presente na Feira Cabalar de San Martiño de Francos. O apoio do Concello de Teo permite que de novo o público asistente a este histórico encontro poida desfrutar desta figura dos nosos títeres tradicionais, que xa visitaba esta celebración da man da familia Silvent.
Nesta xeira, o programa inclúe a Dona Barriga Verde de Larraitz Urruzola, que subverte os roles tradicionais e dálle xénero feminino a esta figura. Pola súa banda, Títeres Alakrán, co seu Barriga Verde ataca de novo, actualiza a montaxe clásica, con novos gags pero a se manter fiel ao espírito do títere de cachaporra. Canda a eles, Viravolta Títeres presenta neste ano unha creación propia dentro do xénero da cachaporra. As aventuras de Toribio de Mañón recupera a figura histórica deste bandoleiro e repasa a súa historia desde os códigos do títere tradicional, cheos de humor e de irreverencia. Canda a eles, actividades de dinamización na porta da barraca, da man de Títeres Alakrán e de Seisdedos Animación, completan a proposta.
O interior da barraca, que recrea a instalación coa que a familia Silvent levaba os seus espectáculos por todo o país ao longo do século XX, pdoerá verse tamén a exposición Onde foi Barriga Verde?, que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do proxecto didáctivo Da Barraca á Aula.
Todas as actuacións se desenvolven o luns 11 de novembro a partir das 12 da mañá.