A Barraca de Barriga Verde volta ás festas da Ascensión

A Asociación Morreu o Demo trae de volta o tradicional espectáculo de títeres ás festas de Santiago de Compostela


A instalación reúne por vez primeira todas as montaxes que teñen este monicreque como protagonista

 

As festas da Ascensión que se desenvolven entre os días 26 e 29 de maio en Santiago de Compostela contan nesta edición cun protagonista excepcional. Por vez primeira en máis de 60 anos, a barraca de Barriga Verde, o títere tradicional por excelencia do noso país, estará presente na Alameda. A Asociación Cultural Morreu o Demo, grazas á colaboración do Concello de Santiago, recupera para a celebración un espazo que durante décadas foi un referente das festas da capital galega.

Nesta nova xeira, o paseo da Alameda acollerá a réplica que a compañía Viravolta realizou da tradicional barraca que a familia Silvent levou durante a maior parte do século XX por feiras e festas de todo o país. Trala súa fachada, que recupera estilo daquel histórico recinto, poderán verse as diferentes versións de Barriga Verde que diferentes compañías de títeres do país teñen en cartel.

Un evento pioneiro

Deste xeito, o público compostelán poderá ver por vez primeira as únicas cinco montaxes de títeres actualmente existentes que teñen a Barriga Verde como protagonista. Monicreques Larei Lará abren o programa na mañá do xoves 26 co seu “Barriga Verde contra o demo negro”, obra que parte dun texto que o escritor Alfredo Conde lle dedicou a este icono da cultura galega. Viravolta Títeres continuarán o programa co seu “Barriga Verde”, unha aposta pola recreación do espectáculo orixinal que a familia Silvent levou por todo o país con antagonistas clásicos como o cura, o demo ou a Garda Civil. Na tarde do venres 27, Títeres Alakrán representará o seu “Barriga Verde ataca de novo”, no que mantén a esencia da tradición dos títeres de cachaporra co uso da palleta e un único manipulador detrás do escenario. O día 28 será Larraitz Urruzola quen achegue o seu “Dona Barriga Verde”, unha revisión do clásico que conta, por vez primeira cunha protagonista feminina, cuestionando os roles de xénero tradicionais desde o respecto á formas desta forma escénica. Finalmente, o domingo 29 será Títeres Cascanueces quen presente “O baúl de Barriga Verde”, unha adaptación da trama tradicional do personaxe chea de sorpresas. O programa complétase con outras dúas funcións. Mircromina Títeres, achega a súa obra “A familia unida”, coa que actualiza as propostas dos títeres de cachaporra, na mañá do sábado 28, mentres Monicreques de Kukas, mestura clown e títeres no seu “Xan Perillán compra queixo, compra pan” na mañá do domingo 29.

Títeres de cachaporra

Todas as funcións incluída no programa da Barraca fan parte do xénero do títere de cachaporra. Esta antiga forma escénica, cuxa orixe está datada no Nápoles do século XVI, conta con representantes excelsos en múltiples países europeos. Pulchinella en Italia, Guignol en Francia, Mister Punch no Reino Unido, o alemán Kasper, os Robertos portugueses ou o Don Cristóval español preséntase como irmáns de Barriga Verde, a compartir argumentos, carácter e moitos dos elementos nas súas obras. Mentres noutros países este patrimonio inmaterial mantense vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, no noso país a AC Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de títeres, están a dar aínda os primeiros pasos para garantir a supervivencia do representante galego desta tradición internacional.

Os espectáculos, a seguir a tradición da cachaporra, baséanse maioritariamente na comedia física, as persecucións e os conflitos. O protagonista representa un heroe que, ao xeito dos mitos ancestrais, enfronta os máis diversos inimigos e sobreponse aos seus enganos e ao seu poder grazas ao seu valor e á súa retranca.