Catálogo Barriga Verde. De feira en feira

Capa do catálogo de Barriga Verde. De feira en feira.

Capa do catálogo de Barriga Verde. De feira en feira.

 


 

ACTUALIZADO (16/03/20126: Librarías co catálogo á venda

O catálogo está á venda nas seguintes librarías e establecementos.


 

 

Aínda que hai xa un tempo que o presentamos ao público, aínda é neste mes de decembro de 2015 que está a chegar ás librarías o fabuloso catálogo da exposición Barriga Verde. De feira en feira.

Para alén dos textos que se poden atopar na mostra, o volume recolle unha ampla colección de fotografías en alta calidade dos elementos expostos. Ademais, o volume achega toda unha serie de textos nos que se abordan desde diferentes perspectivas o mundo das feiras e das atraccións, a vida e o traballo dos feirantes ou a parentela de Barriga Verde. Así, Clodio González Pérez repasa as súas lembranzas sobre as feiras, Fran G. Quiroga e Maruxa G. Quiroga reflexionan sobre o aspecto sensorial das feiras e amósannos un retrato de como esmorecen algúns destes eventos, mentres Antón Cortizas amósanos os parentescos entre os entretementos da feiras e os xogos tradicionais.

Xa máis metidos no mundo dos títeres, Toni Rumbau asina un interesante artigo sobre a figura de Polichinela e o seu carácter libertario, mentres Paolo Parmeggiani dános a coñecer o xeito no que se afianzou a tradición de títeres en Parma e como deu na creación dun museo, todo un exemplo para a nosa iniciativa a prol do títere tradicional galego. Adolfo Ayuso, pola súa banda, realiza un exhaustivo panorama sobre os títeres durante o franquismo que nos permite ver que espectáculos percorrían o Estado nos tempos de Barriga Verde.

Xaime Iglesias participa neste volume a facer unha detallada descripción do espectáculo de Barriga Verde tal e como a familia Silvent a levou por toda Galicia, a repasar escena por escena e mesmo a recoller fragmentos de diálogos que ficaron na memoria de xeración de galegos. Comba Campoy achéganos un adianto da súa tese doutoral e aborda o xeito no que este personaxe se pode entender como unha forma de resistencia popular ao poder.  Germám Ermida completa os textos cunha análise sobre a vida dos feirantes en Galicia ao longo do século XX e o xeito no que estes profesionais amosan un xeito diferente de entendermos o noso país.

Desde a AC Morreu o Demo queremos agradecer a todos os colaboradores as súas voluntariosas achegas, que permitiron facer deste volume un compendio único que enriquece e complementa a propia exposición.

En total, o catálogo achega 165 páxinas a grande formato con fotografías a cor, versións en castelán dos artigos  e un lote de contidos de grande interese para todos o que se queiran achegar a este mundo das feiras e dos títeres. Non agardes para te facer co teu!