Morreu Barriga Verde: Adeus, Alfonso

Alfonso, entre bambalinas

Alfonso, entre bambalinas

Morreu Alfonso Silvent. O fillo de José dos Bonecos, Barriga Verde, o descendente que conservou na casa familiar de Lérez con todo o agarimo o material da barraca, os xogos de títeres, o proxector e, sobre todo, a memoria esvaecente daquel mundo de feiras e de funcións xa non está entre nós.

Alfonso Silvent, á dereita, a atender o tiro

Alfonso Silvent, á dereita, a atender o tiro

A Asociación Cultural Morreu o Demo nomeouno socio de honra en 2013, con todo o merecemento. Este colectivo non existiría sen el. Cando a comezos dos anos 90 Viravolta títeres contactou con el e descubriu o tesouro que gardaba no faiado e nos caixóns; cando Xaime Iglesias comezou falar con el e a reconstruír, aos poucos, a historia de José Silvent, do seu traballo e da súa familia ata elaborar a primeira biografia sobre este titiriteiro; cando Pedro Solla o entrevistou e recolleu a incrible saga dos Silvent no seu documental, comezaba un camiño no que participou gustoso.

Desde entón, Alfonso foi un compañeiro continuo do noso traballo. Comprendeu que aquelas reliquias familiares que gardaba con celo eran moito máis que lembranzas particulares. Aquel material, as súas propias lembranzas, o seu testemuño, supuñan un patrimonio aínda sen recoñecer, e el foi quen de abrir a súa memoria, a súa casa, a súas gabetas, e participou na transformación daqueles restos en memoria colectiva de toda a sociedade.

Aí o tivemos, a inaugurar exposicións. A ver a barraca reconstruída. A asistir ás estreas dos novos Barrigas Verdes que foron xurdindo. A participar en charlas e presentacións, a nos visitar no posto do Culturgal, a falar coa xente só pola ledicia de ver honrada a memoria do seu pai e da súa familia, de ver recoñecido un traballo que durante moitos anos lles deu de comer e que non contaba con prestixio social. De novo a súa contribución foi fundamental para que Comba Campoy puidese desenvolver a súa tese doutoral sobre Barriga Verde.

Alfonso no Café da Memoria do Museo do Pobo

Alfonso no Café da Memoria do Museo do Pobo

Neses actos, malia a que a súa saúde levaba anos xa mermada, Alfonso amosaba o seu carácter de home de espectáculo. Sempre imos lembrar o xeito no que semellaba coller vida cada vez que saía falar dos seus tempos de feirante. Como de socato semellaba capaz de aturar horas en eventos e encontros. O xeito no que se erguía, como se lle aclaraba a voz e estaba sempre disposto a botar man da palleta e facer unha demostración onde fixese falla. A inauguración do Museo da Marioneta de Lalín, o Café da Memoria, as presentacións de libros, catálogos e DVDs, a exposición De feira en feira… a todo se apuntaba e a todas partes levaba a súa memoria, o seu humor e a súa forza.

Alfonso Silvent na inauguración de De feira en feira, en Lugo

Alfonso Silvent na inauguración de De feira en feira, en Lugo

Aínda hai pouco vimos a súa emoción cando Borja Insua inaugurou en Lérez a súa versión de Barriga Verde. O seu riso a ver a obra, o orgullo ao ver renovado aquel legado de bonecos que marcou xeracións de galegos. Hai poucos meses deu un paso máis no seu compromiso ao depositar no Museo Galego da Marioneta unha grande parte do material orixinal que tiña na casa, testemuños únicos da ledicia de moitas galegas e galegos e dun xeito de vida que xa desapareceu.

Agora xa non está con nós. Xa non poderemos compartillar máis recordos nin bromas. Nom imos saber nada máis da súa boca sobre como era a vida dos feirantes. Non fará de novo o reconto de camións e barracas cos que traballou a súa familia. Nin nos lembrará aquelas feiras de Pascua, da Ascensión, da Peregrina… Non poderá ver se conseguimos cumprir o noso común anceio e acadamos que Barriga Verde continúe vivo na nosa sociedade.

Canto nos gustaría Alfonso que, como na obra, nos fixeses saber desde o cadaleito
– Non choredes, que eu vou ben! Eu vou ben!

E agardamos que, efectivamente, vaias ben ao ceo dos titiriteiros e dos feirantes, onde che han recibir cunha enorme e merecida salva de aplausos.

Todo o noso amor para a familia, colaboradores inestimables deste proxecto e con quen estamos tamén en permanente débeda.

Como tantas aldeas e vilas escoitaron durante anos, desta volta tristemente en serio: Morreu Barriga Verde, acabouse a peseta.