Máis sobre a tese de Comba (xa en liña)

ACTUALIZACIÓN (01/03/2016): A tese de Comba xa está dispoñible no repositorio Teseo do Ministerio de Educación.

Pódese descargar íntegra en formato PDF desde a páxina de Teseo
ou directamente desde esta ligazón.


Os títeres que percorreron as feiras do país durante anos serviron como expresión dos anceios, descontento e críticas dunha poboación que non tiña moitas opcións de se comunicar. Así o demostra a tese que presentaba esta mañá  en Compostela Comba Campoy.

lectura_tese_comba

“O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960)” é o título da tese doutoral que Comba Campoy, licenciada en Xornalismo e secretaria da Asociación Cultural Morreu o Demo presentaba esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

 

Este traballo pioneiro amosa como os espectáculos de títeres que percorreron o noso país durante a maior parte do século XX serviron para canalizar e expresar de xeito público as críticas, anceios e frustracións de boa parte da poboación da época. Campoy aborda no seu traballo o xeito no que o discurso oculto da cultura popular se expresaba mediante as representacións de bonecos. Ao tempo, analizou os xeitos nos que este espectáculo se apropiaba de tácticas propias da oralidade como o anonimato ou a ambigüidade para abordas estas cuestións. Entre estes destaca tamén o emprego sistemático da lingua galega que fixo deste espectáculo un caso único no panorama escénico do país durante o franquismo.

Así, escenas típica da obra, nas que o protagonista bate en representantes da Igrexa e da autoridade como soldados ou policias colleron especial sentido no contexto de represión propio da postguerra. A propia figura de Barriga Verde mantivo así no noso país o papel que durante séculos desenvolveron os títeres populares en toda Europa a dar voz ás reivindicacións e preocupacións das clases populares.

O traballo aborda tamén a historia da familia Silvent e das barracas  con que estes artistas percorreron o país durante boa parte do século XX, achegando novos datos e documentación encol este periplo. No mesmo sentido, a investigadora abordou o xeito no que estes feirantes serviron como mediadores na incorporación entre os novos medios de comunicación de masas e a cultura popular. A evolución dos seus números, a integración do cinema, de coplas e de bailes foráneos son un exemplo de como se foron integrando novos usos na cultura popular.

A investigación que se presentou esta mañá recolle ademais o desenvolvemento do Proxecto Barriga Verde, co que a Asociación Cultural Morreu o Demo quere reividincar a figura do máis coñecido títere popular galego. Este traballo supón unha importante achega teórica para este proxecto e abre novas vías para a posta en valor e a recuperación de Barriga Verde para os nosos días.

O traballo foi dirixido polo profesor de Ciencias da Comunicación Marcelo Martínez Hermida e mais polo antropológo francés Paul Rasse, especialista en diversidade cultural e mais no teatro como medio de comunicación e profesor na Universidade de Niza.

Os membros do tribunal, os doutores Ana Cabana, Paula Godinho, Fernando Redondo, Carlos Vizcaíno e Manuel Martínez Nicolás destacaron a orixinalidade e o arriscado do proxecto, así como a aposta por introducir a cultura popular no ámbito académico. Do mesmo xeito, felicitaron a autora polo esforzo teórico, a grande creatividade e do dominio da lingua que amosa no seu traballo.
A tese obtivo unha calificación de sobresaínte cum laude.