Vídeo íntegro do Cafe da memoria: Titiriteiros

Xa podes ver no noso Vimeo o excelente vídeo do Café da memoria: Titiriteiros que realizaron as compañeiras de Illa Bufarda.

Celebrado en Setembro de 2013 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), este café da memoria xuntou a dous membros dunha estirpe de artistas ambulantes, Juan e Alfonso Silvent, con Manuel Lourenzo, dramaturgo e actor teatral. Entre os tres partillaron co público presente numerosas anécdotas sobre a vida dos titiriteiros, denominación habitual de todo artista ambulante que chegaba ás aldeas montar o seu estaribel. Tamén compartiu a súa experiencia como feirante Lidia, muller de José, desde o público.

No caso da familia Silvent, alén de números de varietés e circo, incorporaban á actuación un teatriño de monicreques de luva, no que representaban as aventuras de Barriga Verde, o heroe de luva máis popular en Galiza durante a primeira metade do século XX. Ao remate do acto, organizado polo departamento de Didáctica do MPG, os membros da AC Morreu o Demo entregaron a Juan e a Alfonso Silvent un diploma acreditativo do seu nomeamento como socios honoríficos da asociación, polo importante labor que os dous están a realizar na recuperación da memoria do espectáculo de títeres de luva.