Titiriberia despídese mércores con Diáspora Teatro, Seisdedos e ‘As varietés de Barriga verde’

> A programación estase a gravar integramente e poderase ver na canle de youtube da Asociación Morreu o Demo para garantir o maior acceso ao público e no ámbito presencial, cumpriranse rigorosamenteás restricións sanitarias que están en vigor no municipio

Martes, 29 de decembro de 2020.- O Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, celebra a súa quinta edición en Rianxo entre os días 22 e 30 de decembro. En total, unha ducia de funcións conforman o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. O encontro remata mañá mércores, 30 de decembro, con espectáculos de Diáspora Teatro, Seisdedos Marioneta e ‘As varietés de Barriga Verde’, espectáculo de variedades conducido por Iria Pinheiro e que reúne a diversos artistas ao longo da velada. As entradas pódense reservar no 664 183 217 ou escribindo a auditorio@concelloderianxo.gal.

A actividade da xornada principiará ás 12.00 h. na Casa da Cultura Cuartel Vello. Alí, durante dúas horas, representaranse pases de Victoria. Nostalxias do pasado, espectáculo de cinco minutos de duración que se irá sucedendo en diversos pases. A peza, de Diáspora Teatro, forma parte do xénero Lambe Lambe e, dende o intimisto dunha caixa escénica representa con pequenos bonecos e obxectos secretas situacións teatrais que son apreciadas por só un ou dous espectadores de cada vez. No mesmo espazo e no mesmo horario de 12.00 a 14.00 h., Seisdedos Marionetas presentará peza Este espectáculo foi ilegal, no que o titiriteiro lalinense Anxo García presenta o monólogo do compadre Fidel de Os Cornos de D. Friolera, de Valle-Inclán.

Para poñer o ramo, ás 20.00 h. a Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo acollerá As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades e cabaré de dúas horas de duración presentado por Iria Pinheiro co acompañamento musical de Áureas. Números de clown, música, teatro e títeres a cargo de Esther Carrodeguas, Tero Rodríguez, Lucho Penabade, Pajarito, María Dobronich, Borxa Ínsua e Lázaro Duyos e ambientado por un divertido trío musico-teatral conformado por integrantes das Áureas.

Nesta edición de 2020, a primeira que se celebrou en Rianxo tras catro anos no municipio de Teo, o Titiriberia incluíu unha programación cuxo obxectivo principal foi, un ano máis, achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional, xénero escénico cun gran arraigamento histórico na cultura galega. Neste ano tan insólito e complexo por mor da pandemia, o festival adaptouse ás circunstancias, cumprindo co máximo rigor con todas as medidas sanitarias en canto á protección individual e ás limitacións de aforos que se establecen en Rianxo. Ademais, para garantir o máximo acceso posible ao público, pódese ver pola rede o conxunto da programación, que está a ser gravada integramente e pendurada en https://www.youtube.com/user/morreuodemo. Nesta canle, xa se poden atopar vídeos de diferentes espectáculos celebrados en Rianxo.