Titiriberia comeza a súa programación de funcións escolares en Teo con Fantoches Baj e Marcelo Lafontana

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, comeza este 12 de novembro coa súa programación de funcións destinadas para o público escolar, conformada por tres obras que se representarán ao longo desta semana. Deste xeito, a primeira compañía en amosar o seu espectáculo será Fantoches Baj, que chegará ás 10.30 h. e ás 12.30 h. ao Auditorio Constante Liste. A formación galega levara a escena fronte o alumnado de primaria a súa obra Fábula galénica, unha montaxe que se interpreta dentro dunha radio antiga e que presenta unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares. Narrada coma se dun programa de teatro radiofónico se tratase, conta como nunha vila vén reducidos os seus recursos polo desexo caprichoso do Rei Don Cardo.

A programación escolar continuará ás 13.35 horas no IES Cacheiras, onde o alumnado da ESO coñecerá ao Mamulengo Capiroto, o equivalente brasileiro do noso Barriga Verde. A obra estará representada polo artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana, que ofrecerá esta peza con grandes doses de improvisación na que se mestura danza e música. Finalmente, o xoves será a quenda da compañía segoviana La Pícara Locuela, que ofrecerá no Auditorio Constante Liste ás 10.00 e ás 12.30 h. dous pases da súa obra El Faldón de la Locura, obra destinada ao público de educación infantil. A montaxe procura actualizar a tradición do bululú, unha das formas máis antigas de teatro ambulante de monicreques.