No ano 2010 cumpríronse 100 anos da aparición de Barriga Verde, que tería ocorrido coa chegada do titiriteiro José Silvent a Galicia, procedente de Portugal. A pesar da importancia deste heore como representante último do teatro tradicional de títeres do noso país, aínda presente na memoria de moitas persoas, a efeméride non mereceu ningunha celebración a nivel institucional.

 Dous anos despois, os camiños dunha serie de persoas que, de forma illada, traballaban desde había anos pola recuperación deste boneco de teatro, conflúen co fin de sumar esforzos e conseguir maior visibilidade para este elemento da nosa cultura popular.

Nace así, a principios de 2013, a Asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional.

No nacemento da asociación participaron persoas que levaban xa moito tempo traballando co obxectivo de recuperar a figura de Barriga Verde e os títeres tradicionais en xeral, desde ámbitos da investigación, o audiovisual ou a comunicación. Na actualidade, o colectivo integra medio cento de persoas de diferentes ámbitos, en particular profesionais do sector titiriteiro, pero tamén docentes de diferentes niveis, investigadoras, xente do mundo do deseño e das letras, persoas interesadas no noso patrimonio e, en xeral, xente que defende a cultura do país e non queren que desapareza  a memoria do noso títere tradicional.

Na nosa listaxe de grupos de traballo podes ver máis polo miúdo como nos organizamos.