Malia á popularidade que acadou e ás memorias que se conservan por todo o país sobre o títere por excelencia da tradición galega, non é sinxelo responder esta pergunta.

 Primeiro de todo, debemos ter en conta que existiron varias compañías, algunhas vencelladas á familia Silvent e outras alleas, que  representaron as pezas de Barriga Verde durante varios anos. Cada unha delas levaba o seus propios e particulares títeres, o que dificulta a existencia dunha memoria común sobre o aspecto do heroe.

En segundo lugar, os propios descendentes dos Silvent non lembran cal era o boneco que representaba ao protagonista do espectáculo e mesmo chegaron a asegurar que non existía un boneco que representase sempre o heroe da obra, e que se apañaba o que estaba máis a man. No entanto,  Alfonso Silvent,  fillo de José Silvent e residente en Lérez, ten apuntado recentemente a un dos bonecos que conservan, con bigote e (na actualidade) cun sombreiro de estilo mexicano, como un dos que se empregaban de xeito máis habitual. Velaquí unha imaxe desta marioneta, nunha fotografía de Julio Balado:

IMG_0006
O Barriga Verde de José Silvent, segundo o seu fillo Alfonso. Foto: Julio Balado

Porén, semellaría que Barriga Verde non tería uns trazos físicos fixos, dependendo do estilo que cada bonecreiro lle quixese imprimir ao pequeno antiheroe. De tal xeito que, cando Viravolta títeres decidiron, no ano 2000, recrear o espectáculo, optaron por crear o seu propio boneco. Segundo ten sinalado un dos membros da compañía, Anxo García,  escolleron representar o protagonista con trazos moi básicos atendendo ao parentesco que o noso Barriga Verde ten cos robertos portugueses, un tipo de marionetas cunha apariencia moi sinxela e esquemática, onde destacan os grandes ollos pintados sobre a cabeza de cor rosa. Ao parecer, José Silvent aprendeu o seu traballo cos fantocheiros portugueses, trouxo de alí bonecos e máis tarde elaborou el mesmo algúns a tallar a madeira a punta de navalla.

foto_dom_roberto_joao_paulo
Os robertos de João Paulo Seara Cardoso, do Teatro de Marionetas do Porto

Así pois, atendendo ao que sabemos ou o que podemos supor, para definir ao Barriga Verde histórico quédannos os seguintes riscos:

– A voz: Os Silvent empregaban unha palleta (sifflet-practique ou pivetta) para caracterizar a voz do heroe da obra. Así, unha voz moi aguda era o elemento diferenciador do títere protagonista. Isto coincide con boa parte da tradición europea de herdeiros de Pulcinella, onde a palleta era empregada con máis ou menos profusión.

– A cachaporra. Do mesmo xeito que o seus curmáns europeos, a arma coa que Barriga Verde bate en todos os seus adversarios é un elemento característico do personaxe. O elemento está compartido con todo o teatro cómico, e era algo típico no século de ouro español ou na Commedia Dell’arte. No caso de Barriga Verde, empregábase unha cana fendida á metade ou dúas varas pegadas por un estremo, o que serve para amplificar o son dos mocazos.

 

A cachaporra de Barriga Verde, conservada por Alfonso Silvent.
A cachaporra de Barriga Verde, conservada por Alfonso Silvent.

-Tratábase dun títere de luva e non de variña, unha característica que comparte co resto dos bonecos que interveñen neste tipo de teatro.

-Cabelo: O personaxe non tiña un cabelo propiamente dito. Nas tallas que se conservan aparece apenas un volume a representar o cabelo. No entanto, en casos como os robertos nin sequera existe isto.

– O comportamento: É sen dúbida o seu papel de repartir mocadas a todo o que se cruce no seu camiño a característica fundamental do personaxe. No entanto, hai outros elementos psicolóxicos de Barriga Verde que non se poden deixar de lado:

  • Está a retranca que dá pé a continuos equívocos cos seus interlocutores.
  • Pódese falar da desconfianza que manexa e que o libra de ser enganado.
  • E, sobre todo, a firme vontade de ser libre e de se impor a toda convención, regra e tentativa de o amarrar. Tal e como lembraba Alfonso Silvent, fillo de José Silvent “razonaba a paos”.

Fóra disto, todo o que poidamos dicir sobre a imaxe do personaxe  son conxecturas.

Como debe ser Barriga Verde?

O personaxe que nos ocupa, curmán de, Pulcinella, Punch ou de Polichinelle, foi mil veces reelaborado, modificado e apropiado por diferentes culturas de Europa e arredores desde a súa orixe na Grecia Clásica. É por isto que desde a Asociación Cultural Morreu o Demo non apostamos por fixar unha imaxe canónica para o Barriga Verde de hoxe e dos tempos que virán. Continuemos esa tradición de mestura e de reelaboración.

Para nós debe ser a propia sociedade a que xere e adopte o(s) seu(s) novo(s) Barriga Verde. Con crista, maquillaxe ou brincos. Home, muller ou de xénero indefinido. Vestido con camisetas ou a levar monteira. Ollemos a tradición europea, atendamos ás lembranzas dos nosos maiores, creemos os novos Barrigas Verdes.