Pedro Solla dirixe este documental que recupera o teatro ambulante da familia Silvent que percorreu toda Galicia na primeira metade do século vinte.
Unha producción de Tintiman Audiovisual:
http://tintiman.net/
O documentario en prensa:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/07/10/galicia/1341946878_841343.html

O nome de Barriga Verde transcende o personaxe dunha peza de títeres e abrangue toda unha serie de significados:

Polo xeral o nome refírese ao protagonista do espectáculo de marionetas que os Silvent levaron por toda Galicia entre as décadas de 1910 e a de 1960.

Unha hipótese sobre a orixe do nome indica que “Barriga Verde ” era como se lles chamaba a uns pallasos que percorrían as feiras a finais do s.XIX e principios do XX. Aínda que non hai nada comprobado, pénsase que o nome deste pallaso puido derivar á peza de títeres que se anunciaba tamén cun pallaso na porta.

Chegado ao noso país da man de José Silvent, Barriga Verde incorpora as características esenciais da tradición europea de títeres de cachaporra. A súa popularidade en Galicia é enorme entre 1920 e 1960, cando percorre gran parte das feiras e vilas coa súa barraca. Os seus irmáns Santiago e Julia, en vista do éxito do personaxe, incorporárono tamén aos seus espectáculos, e entre os tres non quedaba feira ou festa en Galicia que non tivese acollido unha representación do famoso monicreque. As feiras da Ascensión en Santiago, a Pascua de Padrón, a de San Xoán de Carballo ou a de Santa Mínia en Brión eran paradas obrigadas da barraca dos Silvent, e nesas vilas coruñesas, alén doutras moitas, a chegada dos titiriteiros era moi agardada. Ademais, o espectáculo tivo a peculiaridade de ser unha das escasas mostras de teatro en galego realizadas durante o franquismo, unha forma de teatro popular que foi reivindicada por autores como Risco, Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Borobó entre outros.

O espectáculo que protagonizaba Barriga Verde formaba parte da tradición europea de títeres de cachaporra e compartía moitas das súas características. O protagonista enfrontábase a sucesivos inimigos nunha serie de pequenas escenas que sempre remataban a golpes. Números como o touro, o barbeiro ou o cura mantéñense aínda vivos na memoria de moitas persoas e a capacidade do protagonista de encarnar as frustracións e os anceios do público quedou sobradamente demostrada co éxito da montaxe.

A maiores destes significados, a nivel internacional o termo “Barriga Verde” emprégase no Brasil para denominar de xeito popular os habitantes do estado de Santa Catarina. Semella que nalgunha das guerras que sacudiron o lugar no século XIX levaban unha vestimenta que lles deixaba á vista o ventre cuberto cunha faixa desta cor. Tamén na República Dominicana empregan o  termo para denominar os veciños da localidade de San Juan de la Managua.

 En 1964, cando José Silvent se retira, o espectáculo esmorece. O teatro de títeres de luva abandona as feiras e pasa a ser considerado un entretemento infantil no que debe primar o compoñente didáctico. Os títeres de feira ían dirixidos a públicos de todas as idades e a súa funcionalidade era máis ben catártica. Non encaixan coas tendencias que impoñen os novos tempos. E é así como Barriga Verde camiña lentamente cara o esquecemento.

O personaxe acabou pasando o seu nome aos titiriteiros que o representaban.

Así, José Silvent, os seus irmáns Santiago e Julia e mesmo outros titiriteiros que representaron o personaxe foron coñecidos como Barriga Verde.

José Silvent, o maior dos irmáns, naceu en Estremadura e moi novo marchou a Portugal, onde aprendeu o manexo dos títeres, probablemente dun fantocheiro tradicional. Os robertos, os bonecos tradicionais portugueses, terían constituído unha importante influencia á hora de que José Silvent crease a Barriga Verde, que tamén ten similitudes cos títeres que existían previamente en Galicia (os cristovos). Ao noso país chegou por volta de 1910, e foi aquí onde presentou en sociedade o seu personaxe.
Co tempo, os irmáns de José Silvent tamén fundaron os seus propios espectáculos, incluíndo as marionetas e a Barriga Verde dentro dos seus programas de varietés. Cada un asentouse nunha zona de Galicia, percorrendo as festas e os salóns de localidades distintas. José desde Lérez (Pontevedra), Santiago desde a Mariña e Neda e Julia desde Ourense, as diferentes troupes percorrían feiras e aldeas, onde ofrecían números de varietés, pallasos, contorsionismo ou cancións, e levando o cinema a moitos lugares de Galicia.

Ademáis dos Silvent, outros feirantes adoptaron o nome de Barriga Verde como reclamo nas súas atraccións. Por ese motivo, José Silvent engadiu o lema “El auténtico barriga verde” á súa atracción.

O éxito do espectáculo provocou que, durante moitos anos, os fantoches en xeral fosen coñecidos no noso país como Barriga Verde.