Para acadar os obxectivos marcados no Proxecto Barriga Verde, desde a AC Morreu o Demo estamos a desenvolver toda unha serie de actividades de difusión, dinamización e investigación dirixidas a diferentes públicos, dirixímonos especialmente aos seguintes grupos:

  • As persoas maiores que, pola súa idade, conservan a memoria do personaxe
  • As crianzas, que potencialmente poden integrar a Barriga Verde no seu imaxinario desde unha idade temperá.
  • Os/as adolescentes, que poden ter un papel importante á hora de recuperar a memoria do personaxe falando cos seus maiores.
  • Os adultos que, mesmo sen ter coñecido directamente a Barriga Verde, poden contribuír á súa difusión entre as novas xeracións ou traballar por recuperar este legado.

 

Actividades da asociación

2016

  • Non cabe dúbida que o ano arrincou co que é un paso de xigante para coñecermos mellor a historia do noso títere tradicional predilecto. A lectura e publicación da tese da nosa compañeira Comba Campoi “O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960)” supón un novo fito no coñecemento arredor deste personaxe e introduce de xeito pioneiro o estudo sobre os títeres na investigación universitaria do país.
  • Non houbo moito tempo para a celebración. Non pasara nin un día e producíase a detención en Madrid de Títeres desde Abajo. Desde a Asociación desenvolvemos un intenso traballo de denuncia deste surrealista episodio, e elaboramos un comunicado que foi lido polo noso compañeiro Borja Ínsua na mobilización que se realizou en Compostela a pedir a liberación dos titiriteiros.
  • En abril, outra boa nova para o escaso patrimonio que se conserva do títere tradicional. A familia Silvent de Lérez acordaba deixar en depósito no Museo Galego da Marioneta de Lalín as pezas orixinais da barraca de José, conservadas grazas ao seu fillo Alfonso Silvent e que se puideran ver na exposición De feira en feira. Deste xeito, o museo incorporou esa imprescindible sala monográfica sobre Barriga Verde.
  • Esta nova mostra de xenerosidade foi, por desgraza, das últimas que nos deixou Alfonso Silvent. O falecemento do que foi o noso primeiro socio de honra,colaborador imprescindible e entusiasta do labor da asociación, marcou de xeito inevitable o 2016 para todos nós.
  • A Alfonso tivémolo moi presente tamén no noso posto no Culturgal, un evento ao que achegamos un novo calendario e presentamos o catálogo de De feira en feira, que aínda non se puidera ver neste encontro.
  •  Tamén no evento demos a coñecer outro dos nosos proxectos. O conto ilustrado Barriga Verde. Unha odisea na feira. Un traballo de Germám Ermida e Heitor Real que quere achegar o personaxe e mais o mundo das feiras ás novas xeracións. Alén do libro en si, o proxecto conta tamén con extras que se poderán seguir nesta mesma web.
  • O Día das Letras dedicado a Manuel María facilitou unha invasión de novos barrigas verdes a escenarios e eventos. O texto que este poeta lle dedicou ao noso boneco preferido foi levado ás táboas en adaptacións de Títeres Cascanueces e como un contacontos de Fran Rei. Aínda que nós non tivemos nada que ver nestas montaxes, aledámonos enormemente da difusión que con eles conseguiu o personaxe, e estamos encantados de que novos artistas se animen a achegarse a este patrimonio escénico.
  • Onde si que estivemos implicados foi na adaptación que realizou Viravolta do texto de Manuel María. Un fermoso conto con títeres de mesa que se estreou o pasado mes de setembro.
  • Por suposto, o prato forte para nós foi o I Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos. O festival sobre títeres tradicionais, pioneiro no Estado, supuxo un intenso traballo e foi unha experiencia estupenda que agadamos poder repetir en vindeiras edicións co Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña.
  • A maiores deste grande encontro, levamos a nosa exposición Onde foi Barriga Verde? a Celanova, Vilar de Santos e, por suposto, a Teo.
  • Ademais, proxectamos o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta en Arteixo, O Porriño e, de novo, Teo.
  • Houbo representacións de Barriga Verde, xa a cargo de Alakrán ou xa de Viravolta Títeres, en Lalín, Santiago de Compostela  (varias), Pontevedra e Cangas e a Barraca de Viravolta visitou Vilatuxe. Tamén foi Viravolta a responsable de levar a Barriga Verde ao festival de títeres de Oropesa del Mar e Marina D’Or, a dar a coñecer a tradición galega fóra das nosas fronteiras.
  • En canto a charlas sobre o noso proxecto, pasamos por Bóveda, Vilar de Santos, Lugo e A coruña, e pReparamos para a Cidade da Cultura o obradoiro Textos para títeres na literatura galega, no que se facía un repaso pola relación de diferentes autores co mundo dos monicreques.
  • O noso personaxe predilecto conseguiu tamén este verán unha particular presenza na TVG co programa Feirantes e a súa sección de humor chamada, precisamente Barriga Verde. Alá foi o noso compañeiro Anxo García para falar da tradición galega de títeres e dos Silvent.
  • E, aínda que non se viu moito por fóra, este ano fixemos moita investigación. Estamos a procesar entrevistas, gravacións de audio e de vídeo e un lote de material co que agardamos botar nova luz sobre o traballo dos Silvent e doutros titiriteiros e feirantes do país.

2015

  • Comezamos o ano coa nosa grande exposición Barriga Verde. De feria en feira no Museo do Pobo Galego. Desde aquela, a mostra pasou polo Museo Galego da Marioneta de Lalín, polo Pazo da Cultura de Pontevedra e mais pola Igrexa da Madalena de Ribadavia, sumando máis de 11.000 visitas en todas as súas paradas.
  • A exposición, e todas as súas actividades paralelas, ocuparon boa parte do labor da asociación ao longo do ano. E é que de xeito paralelo a esta itinerancia, desenvolvemos, grazas á colaboración desinteresada dun excelente grupo de colaboradores e activistas (que, como nós, queren revivir con forza o noso títere favorito), un completo catálogo da exposición, con 165 páxinas cheas de interesantísimos contidos.
  •  Unha das novas do ano foi para nós a estrea de Barriga Verde ataca de novo, a versión que Borja Ínsua, de Títeres Alakrán, realizou da obra clásica dos Silvent. E foi tamén toda unha ledicia incorporarmos a Borja á nosa asociación e sumarmos así esforzos pola recuperación do títere tradicional.
  • Así pois, o traballo de Alakrán por unha banda e de Viravolta por outra fixo posible que houbese en 2015 un bo feixe de representacións de Barriga Verde por todo o país. Varias sesións en Santiago de Compostela (entre elas unha no festival Galicreques), Lérez, Brión, Tameiga, Mos, Pol, Vilatuxe ou Lalín puideron ver en acción o Rei da Cachaporra.
  • Ademais, houbo proxeccións do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, conferencias, presentacións de publicacións e obradoiros.
  • Non podemos esquecer a presenza de Barriga Verde no Festival Nortíteres e mais na Feira do Libro de Guadalaxara, en México, da man de Borja Ínsua. Representacións, proxeccións e presentacións do proxecto deron a coñecer a nosa tradición titiriteira da outra banda do Atlántico.
  • No web, publicamos dúas novas pezas audiovisuais e recuperamos dúas publicacións pioneiras sobre a familia Silvent.

2013-2014

Desde a posta en marcha do proxecto, a comezos de 2013 véñense desenvolvendo múltiples accións de difusión. Aínda que aquí destácanse as que se realizaron unicamente no primeiro ano de actividade da Asociación, pódese seguir con máis detalle o noso traballo e propostas en Función e coñecer contidos editados por nós no marco do proxecto en Cordel.

  • Exposición:Barriga Verde. De feria en feiraEn outubro de 2014 o Pazo de San Marcos de Lugo acollía a primeira parada deste grande proxecto. Unha mostra con pezas orixinais da familia Silvent onde se reconstrúe, en grande formato, con propostas interactivas e todo luxo de detalles, o mundo das feiras tradicionais galegas, a tradición europea de títeres e a historia de Barriga Verde e dos Silvent. Un magno proxecto que concentrou unha grande parte dos esforzos da Asociación Morreu o Demo durante este bienio.
  • Exposición e guía didáctica: Onde foi Barriga Verde?
  • A exposición pretende animar o visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent.
    A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o seu proceso de esquecemento. As conexións europeas dos lances do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías.
    Ademais, o discurso expositivo sitúase no punto de partida do actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.A exposición conta cunha guía didáctica que se pode descargar desde o web barrigaverde.eu, na que se propoñen actividades para diferentes idades. A linguaxe, a historia, a expresión artística ou os procesos de recuperación de memoria son algúns dos ámbitos que se propoñen. Desde a elaboración de títeres ata análises sobre as formas de lecer de diferentes xeracións, hai actividades para todas as idades e intereses.
    Coñece máis sobre a mostra e descarga a Guía neste artigo.
  •  Edición en libro-DVD do documental Morreu o Demo, acabouse a peseta.
    Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais e que está dispoñible para a súa proxección, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.O filme dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertese nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.
    Coñece o libro-DVD
  • Participación na edición do libro José Silvent. O auténtico Barriga Verde de Xaime Iglesias.
    Esta obra pioneira repasa de xeito exhaustivo o percurso vital e profesional de José Silvent, quen se sabe foi o introdutor en Galiza da figura de Barriga Verde. Alén de tentar responder a moitas incógnitas sobre a persoa e o seu espectáculo, o libro de Iglesias achega documentación inédita e recupera parte do texto dunha obra que ata o momento apenas ficaba na memoria dos espectadores e da familia Silvent.

A publicación, elaborada con agarimo e rigor, trata de

dar a coñecer a vida, arte e realizacións deste titiriteiro, sen dúbida, o máis popular da nosa 

terra durante o século pasado, que, polas súas excepcionais calidades persoais e artísticas, 

converteuse no mítico Barriga Verde para o público, que o aplaudía afervoadamente. Con linguaxe coloquial e estilo sinxelo, o

autor sitúao nos contextos social e histórico

e destaca a relevancia que tivo o seu espectáculo de monicreques para a nosa lingua.
Descobre máis sobre a biografía de José Silvent

  • Representacións do espectáculo Barriga Verde, da man de Viravolta Títeres (Ribadavia, Redondela, Merza…)
  • Presentacións das publicacións. (Pontevedra, Vigo, Ourense, Betanzos, Lugo, Ribadeo, Compostela, Marín, A Coruña…)
  • Proxeccións do documental. (Ribadavia, Redondela, Porto, Lisboa, Vedra, Tolosa, Barcelona, Alacant, Compostela…)
  • Charlas didácticas para crianzas As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde
  • Posto, exposición e presentación do proxecto no Culturgal, feira das Industrias Culturais.
  • Colaboración co Museo do Pobo Galego para o Café da Memoria dedicado aos Titiriteiros
  • Edición de camisetas co personaxe
  • Sorteo de material
  • Presentación do proxecto en foros internacionais sobre títeres e teatro (Barcelona, Bilbao, Ribadavia, Porto…), e tamén sobre proxectos culturais (Máster de Xestión Cultural da USC, IES a Farixa)
  • Elaboración dun catálogo de actividades arredor de Barriga Verde para centros de ensino e culturais, bibliotecas e todo tipo de entidades. Consúltao aquí!
  • Recollida de testemuños sobre Barriga Verde polo país.
  • Nomeamento de Alfonso e de Juan Silvent, descendentes de titiriteiros que levaron a Barriga Verde por todo o país, como socios de honra da AC Morreu o Demo.
  • Creación do web, perfil en Facebook, Twitter e publicación de fotografías, artigos e outros materiais sobre o personaxe.

 

 

Antes da AC Morreu o Demo: 2001-2013

As persoas que facemos parte da Asociación levamos xa tempo a traballar na recuperación e na difusión da figura de Barriga Verde e mais da súa historia. Aquí listamos algunhas das accións que temos desenvolvido mesmo antes de nos integrar en Morreu o Demo.

  • Recuperación do espectáculo. Viravolta Títeres, ano 1998.
    Espectáculo de títeres concibido por Viravolta títeres a partir das investigacións de Anxo García sobre o repertorio tradicional do personaxe, aínda que adaptado ao público contemporáneo. Os argumentos clásicos do teatro de cachaporra están presentes, como o enterro, o Barbeiro, o touro polo rabo ou o xogo da pelota.
  • Reconstrución da barraca O Pavillón da Risa. Viravolta Títeres, ano 2010.
    Barraca construída por Viravolta títeres  a imaxe e semellanza da última barraca de Barriga Verde que temos documentada. Ten capacidade para máis de 50 persoas e no seu interior a compañía oferta espectáculos de títeres e de varietés, así como obradoiros de todo tipo.
  • Documental Morreu o Demo, acabouse peseta. Tintimán Audiovisual. 2012.
    Longametraxe documental de 78 minutos, producida por TINTIMÁN AUDIOVISUAL e dirixida por Pedro Solla. O filme aborda a figura de Barriga Verde, a través das intervencións dos descendentes de Silvent, e documenta o proceso de reconstrución da barraca a cargo de Viravolta. Ao mesmo tempo, inclúe testemuños e imaxes doutras marionetas da tradición europea: Guignol, Dom Roberto, Punch, Pulcinella, Don Cristóbal ou Kasparek. O documental foi adquirido pola TVG para a súa  emisión.  A AC Morreu o Demo procedeu á súa edición como Libro-DVD en 2013.
  • Inicio da investigación de Xaime Iglesias, ano 2000.
    O interese de Iglesias por Barriga Verde é moi anterior á publicación do seu libro Xosé Silvent Martínez. O mítico Barriga Verde. O autor xa publicara desde o ano 2000 varios artigos sobre a cuestión en medios escritos e dixitais como Barriga Verde, un persoeiro con engado, editado pola Asociación Cedofeita, de Lérez.
  • Primeiros rascuños da exposición e actividades divulgativas sobre Barriga Verde. Germám Ermida. Ano 2001.

 

Como se pode observar, as iniciativas para a recuperación do títere tradicional e de Barriga Verde veñen de lonxe. A constitución da asociación supón un fito que vén confirmar o compromiso a longo prazo que asumimos todos os que estamos implicados neste proxecto, porque entendemos que a recuperación e dignificación de Barriga Verde e do títere tradicional é un proceso de longo percorrido que non se esgota nun programa puntual, senón que é necesaria unha acción continua e continuada no tempo.

Do mesmo xeito, a Asociación está aberta á incorporación de novas persoas socias, que teñan interese en contribuír ao proceso de recuperación e posta en valor do patrimonio titiriteiro galego.