Próxima feira: Ribadavia

Desta volta non é a coincidir coas festas da Virxe do Portal, como era tradición, pero Barriga Verde volta a Ribadavia este verán.

A exposición Barriga Verde. De feira en feira, abre o vindeiro sábado 18 de xullo na Igrexa da Madalena, da vila do Avia onde se poderá ver ata o 29 de agosto.

A presenza da exposición na vila fai parte das actividades da recoñecida Mostra Internacional de Teatro, que rende así homenaxe ao traballo dos titiriteiros que percorreron o noso país ata o século XX levando as artes escénicas por todos os recunchos. O Museo Etnolóxico de Ribadavia e mais a Consellaría de Cultura foron os responsables de achegar esta actividade ao programa da Mostra.

A exposición permite aos visitantes achegarse ao mundo das feiras e coñecer a historia destes puntos de encontro fundamentais para entender a nosa cultura. Na mesma, poden atoparse xogos interactivos, exemplos das mercadorías que estaban presentes nestes eventos ou un set fotográfico de “a minuto” que permitirán ao público integrarse nom mundo no que se desenvolvían as actuacións dos títeres tradicionais galegos.

O proxecto presta especial atención á parentela europea de Barriga Verde, unha ampla tradición de títeres con séculos de historia da que o títere galego fai parte. Deste xeito, a iniciativa pretende reivindicar a importancia deste patrimonio inmaterial da nosa cultura, inxustamente esquecido, situándoo à par de figuras internacionalmente recoñecidas como Pulcinella ou Punch entre moitas outras.

O proxecto achega ao público por vez primeira, logo de medio século, unha mostra dos bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seus espectáculo. Ademais, a exposición recupera, tamén en primicia, algunhas das pezas orixinais da barraca e das atraccións de feira que os Silvent levaron por toda Galicia.

A exposición, realizada pola Asociación Cultural Morreu o Demo, puido verse xa en Lugo, Compostela, Lalín e Pontevedra desde o outono de 2014.

Os contidos da mostra están dispoñibles en liña neste mesmo web

Máis sobre a mostra no web da MIT