Outros feirantes: Topete e a Remy das cobras

Capa de "Os outros feirantes" de Álvaro Cunqueiro. Galaxia, 1979.

Capa de “Os outros feirantes” de Álvaro Cunqueiro. Galaxia, 1979.

Na Asociación Cultural Morreu o Demo estamos a recibir diferentes testemuños sobre Barriga Verde e o mundo das feiras e dos artistas ambulantes. A verdade é que resulta para nós unha ledicia comprobar como hai máis xente que comparte o interese por recuperar a memoria sobre este universo efémero e por recoller testemuños.

Con permiso dos seus autores, reproducimos e difundimos agora dous textos sobre algúns personaxes ben coñecidos en diferentes comarcas do país.

Deste xeito, Xosé Carlos González Añón envíanos un texto no que recupera testemuños familiares sobre as visitas do paiaso Topete á Serra de Outes.

“- … E todos pensabamos que Josefina e Topete estaban namorados.
Así remataba sempre Morocha, a miña nai, as historias que nos contaba de cando viñan aqueles titiriteiros á Feira do Ghando.
Josefina era artista múltiple, aínda que, sobre todo, cantante. Topete era un dos pallasos, como Barriga Verde e Ramonet, pero ademais saxofonista e moitas máis cousas. Tamén había acróbatas, trapecistas, funámbulos que camiñaban por un arame que case tocaba as nubes… e todas e todos, por suposto, sen rede. E moitos máis, artistas no sentido máis completo.”

Tamén nos remitiron recentemente o texto que Edelmiro Martínez Cerredelo escribiu sobre a Remy das Cobras e outros feirantes cuxa memoria se conserva na zona de Xinzo. Uns exemplos extraordinarios deste patrimonio que aínda fica na memoria de boa parte das galegas e galegos, e que non ten moito máis fogar do que ese.

Non dubidedes en nos facer chegar as vosas lembranzas e as dos vosos familiares! Hai moito por saber e por recuperar aínda!