Os bonecos de José Silvent
Malia a dous incendios que destruíron boa parte do material custodiado pola familia, Alfonso Silvent garda aínda un bo feixe dos bonecos que o seu pai José empregou durante anos nas súas funcións por todo o país.
Aínda que están sen datar, verifícase a existencia de dous tipos de bonecos, un máis traballados que José Silvent encargou e outros, de aparencia máis tosca, que el mesmo tallou a punta de navalla. As vestimentas, que se foron substituíndo segundo se desgastaban, foron realizadas por Emerenciana, muller de José e nai de Alfonso. Os bonecos tamén sufriron co tempo diferentes repintados e foron preservados do deterioramento, aínda que nalgúns casos só se conservou a cabeza.
Nalgúns casos (o cura, o demo, Rosiña, o cadaleito, o touro) está claro o papel que o títere desenvolvía na obra. No entanto, continuamos sen saber con certeza se un deles era asignado de xeito habitual ao heroe. Segundo lembraba Alfonso, o seu pai collía o que estaba máis a man para ocupar o papel protagonista.
As fotografías foron realizadas por Julio Balado, de Títeres Viravolta, durante a visita que os membros da compañía realizaron á casa de Alfonso en Lérez a comezos dos anos 90.