O Festival Titiriberia revisará o rol feminino nos monicreques na súa terceira edición

Larraitz Urruzola, Goretti Sanmartín, Pilar Faxil e José A. Cascudo

 

‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’ amplía a súa duración ao estender a actividade
ao longo de sete días de representacións, obradoiros e mesas redondas

O festival programa na véspera do San Martiño, o sábado 10 de novembro ás 21.30 h.,
‘As varietés do Barriga Verde, unha produción propia que busca evocar o ambiente de variedades que fai décadas se vivía na Carballeira de Francos

Santiago, 30 de outubro-.

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación
Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña,
celebrará a súa terceira edición entre o 4 e o 11 de novembro cunha programación que inclúe 12
funcións, unha mesa redonda e dous obradoiros. Neste 2018, Titiriberia amplía a súa programación, ao
pasar de catro a sete días de actividade, e dobrará a súa aposta pola Feira de Francos, recuperando a
Carballeira de Francos como espazo de difusión dos títeres tradicionais. Ademais, un dos fíos
condutores deste Titiriberia será a “revisión e a reflexión sobre os papeis femininos no ámbito
escénico do títere de cachaporra, abrindo vías de actualización en clave de xénero”. Así o explicou
hoxe Xosé Antonio Cascudo, da Asociación Cultural Morreu o Demo, na presentación do festival na
compaña da concelleira de Cultura do Concello de Teo, Pilar Faxil; a vicepresidenta da Deputación da
Coruña, Goretti Sanmartín, e Larraitz Urruzola, titiriteira que actuará cun novo espectáculo na
programación..

Así, a perspectiva de xénero quedará reflectida na gran estrea deste Titiriberia 2018: Dona
Barriga Verde, de Larraitz Producións Artísticas. Esta montaxe actualizará o legado da tradición
galega de xeito que a titiriteira Larraitz Urruzola, ta e como explicou na rolda, achega unha nova
versión ao personaxe tradicional que supón unha actualización das formas e dos xeitos clásicos de
títere de cachaporra, cunha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, achega novas
perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición. A montaxe, que conta coa
colaboración da Asociación Cultural Morreu o Demo na súa produción, estrearase o domingo 11 de
novembro na Barraca na Carballeira de Francos, durante a celebración do San Martiño.

Outro espectáculo que furará nesta mesma liña é Angelita, da compañía catalá Tactilicuä. A
súa representación enmárcase dentro da programación escolar deste ano e poderase ver no Auditorio
Constante Liste o xoves 8 de novembro. A obra, cun gran compoñente de educación para a igualdade,
usa técnicas e rutinas propias do títere de cachaporra ao relatar a evolución persoal dunha muller que
descobre que o matrimonio non é garante de felicidade. Titiriberia, ademais, aproveitará a estrea de
Dona Barriga Verde para reunir a profesionais dos títeres e das artes escénicas como son Larraitz

Urruzola, Isabel Rei e Cristina Collazo nunha mesa redonda que, moderadá a investigadora Comba
Campoi reflexionará sobre estereotipos e o papel feminino nas pezas tradicionais. O encontro terá
lugar na Mediateca do Grilo (Cacheiras) o venres 9 ás 20.00 h.

Programación xeral e Feira de Francos

O festival comeza este domingo con Auga que non vas beber, de Fantoches Baj, ás 18.00 horas no
Local da Asociación A Mámoa; continuará o martes 6 ás 18.00 horas no Local da Asociación
Recreativa dos Tilos con A familia unida, de Micromina, e o venres 9, á mesma hora, no Local da Soc.
Recreativa de San Xoán de Calo teremos a Barriga Verde ataca de novo, de Títeres Alakrán.
O sábado 10, ás 21.30 h., estrearase As varietés do Barriga Verde, espectáculo de produción
propia do Titiriberia que ofrecerá as actuacións de Tanxarina, Diego Anido, Títeres Alakrán, Os
monicreques de Kukas ou Micromina. Todo baixo a presentación de Iria Pinheiro e o acompañamento
musical de Alonso Caxade, Paco Nogueiras e Joam Casas. A obra celebrarase na Barraca de
Titiriberia na Carballeira de Francos, servirá de aperitivo para toda a actividade que ofrecerá o festival
ao día seguinte e busca evocar o ambiente de variedades que fai décadas se vivía na Carballeira de
Francos. Ao longo do domingo 11, sucederanse as actuacións de Títeres Alakrán e Seisdedos
Marionetas, que animarán a Feira dende ás 11.00 horas; a estrea da Dona Barriga Verde, ás 12.00
horas; as funcións dos portugueses de SAMarioneta, que nos presentarán o seu Teatro Dom Roberto
en quendas de mañá e tarde; e a actuación da titiriteira italiana Lisa Bencivenni, que representará
Storie di Pulcinell ao longo da xornada festiva polo San Martiño.

O Titiriberia complétase con outras dúas obras para o público escolar (A Familia Unida, de
Micromina Títeres, o martes 6 con dous pases; e Todos ao balcón, de Viravolta Títeres, o venres 9 no
IES de Teo) e dous obradoiros. O primeiro deles, Títeres en igualdade, está destinado aos adultos do
Centro de día de ASPAMITE e terá lugar o xoves 8. O segundo dos obradoiros, Monicreques de luva
con material de refugallo, centrado na cativada que se achegue á Barraca de Titiriberia na Feira de
Francos o domingo 11 de novembro.