Máis Barrigas Verdes chegan ás táboas da man de Manuel María

A celebración do Día das Letras dedicado a Manuel María está a impulsar de xeito importante a recuperación do noso títere máis popular para os escenarios. Deste xeito, a obra que o poeta chairego lle dedicou a Barriga Verde e que viu a luz orixinalmente en 1968 na Colección o Moucho está a servir de base para diferentes adaptacións actuais  e que se desenvolveron de xeito totalmente independente do traballo que está a realizar a Asociación Cultural Morreu o Demo para revivir este personaxe. Dúas versións deste texto, que recrea e adapta situacións do espectáculo que os Silvent levaron por toda Galicia xa están nas táboas de todo o país. Canda a estas, e xa en colaboración con nós tamén Viravolta Títeres está a traballar na súa propia versión da obra de Manuel María, que se estreará en breve.

Os tres Barrigas Verdes de Títeres Cascanueces

Barriga Verde, de Títeres Cascanueces

Barriga Verde, de Títeres Cascanueces

Deste xeito, Títeres Cascanueces inspirouse de xeito libre neste texto para levar a escena Barriga Verde e o muíño da néboa. Segundo resume no seu web “Barriga Verde vai de pobo en pobo e de feira en feira coa sua Barraca chea de cousas pra facer rir. E pra facer pensar. Monicreques, guitarras, pandeiros e gaitas. Dende un avestruz ata o mesmísimo Titánic. E a sua proxima función vai ser no Muiño da Néboa. (Onde a choiva é música.) Tedes que velo”.

Segundo apunta Lázaro Duyos, responsable da compañía “quero meter o personaxe en cousas cotiás, afastalo un pouco do seu carácter feirante para que poida ocupar diferentes oficios”. Apunta, por exemplo que “na peza de Manuel María, aparece vestido de cabaleiro francés nunha escena, eu quero vestilo co traxe típico galego. Pero precisamos mesmo un Barriga Verde cosmonauta”. Encol da adaptación recoñece as dificultades que supón levar a escena de xeito literal o texto de Manuel María. “Funciona moi ben, pero o texto ten algúns problemas que preferín eliminar”.

A esta mondaxe, Duyos suma outras dúas co mesmo protagonista. En Barriga verde contra o estraga-pandeiro o protagonista “vai polas feiras contando contos e facendo monicreques.
Todo son risos e diversion ata que unha noite, o noso amigo Barriga Verde atopa os seus instrumentos musicais metidos dentro dun caldeiro listo para ferver”. Pola súa banda Barriga Verde reciclador quere concienciar o público da necesidade de separar e recuperar o lixo.

Para as súas versións, de xeito similar a como xa fixera Títeres Alakrán, Cascanueces inspirouse nos bonecos orixinais de José Silvent que conservou o seu fillo Alfonso e a rama familiar de Lérez. Este material que a AC Morreu o Demo levou por todo o país nunha exposición, agora pode verse no Museo Galego da Marioneta de Lalín. Duyos apunta que coñecía tanto o traballo da Asociación e de Viravolta, así como a biografía de José Silvent que elaborou Xaime Iglesias e que lle foron de grande axuda para realizar a súa montaxe.

 

Barriga Verde en contos

Fran Rei

Fran Rei e o seu Barriga Verde

Fran Rei tamén optou por levar a escena o personaxe clásico dos Silvent, de novo a partir da versión de Manuel María, co seu espectáculo O Conto de Barriga Verde. Avelino González artellou o texto a partir de tres obras de Manuel María, Barriga Verde, Os Soños na Gaiola e Aventuras e Desventuras dunha Espiña de toxo chamada Berenguela. A montaxe, que dirixe  Tareixa Campos, parte do argumento de Manuel María no que Fiz “un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro”.