Rosalía celébrase con títeres! Como exemplo, velaquí tedes o traballo que están a facer no CEIP Castelao de Rianxo. O centro fai parte do programa didáctico Da Barraca á Aula, que desenvolvemos co apoio de Cultura da Deputación da Coruña…
Larraitz Urruzola muda as normas con “Dona Barriga Verde”

Os personaxes de Dona Barriga Verde
As tradicións están para se transformar cos tempos, é o único xeito de que se manteñan. Convencida desta verdade, Larraitz Urruzola, desde a compañía Larraitz Producións Artísticas chega ao Titiriberia deste ano cunha aposta inovadora.

Cartel de Dona Barriga Verde
Dona Barriga Verde é unha obra de títere de cachaporra, que integra elementos do Barriga Verde do noso país con préstamos doutras tradicións titiriteiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé habituais do Punch Inglés. E todo cunha grande particularidade. A desafiar as convencións do xénero e por vez primeira no noso país, Barriga Verde, protagonista da obra, é unha muller. Deste xeito, sen perder os gags clásicos, a artista achega novas perspectivas aos roles de xénero e aos estereotipos desta tradición. A Asociación Cultural Morreu o Demo colabora neste proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. Canda a Larraitz Urruzola encargada do manexo dos bonecos, o espectáculo conta con dirección de Santi Prego, bonecos e atrezzo realizado por Borja Insua, pintura e deseño do retábulo de Kukas e vestiario de Bety Busto.
Segundo explica a titiriteira, “o do pesonaxe femenino nace porque vin a necesidade de encher un baleiro. Quería disfrutar de ver no escenario unha protagonista que leva as rédeas da súa vida a desafiar as dificultades cotiás. Quería facer visible a loita, a coraxe e o compromiso das mulleres ao logo da historia, un labor que quedou oculto deliberadamente durante seculos polo patriarcado. A matria comeza nunha mesma, co desexo de me sentir libre eu tamén e de purgar a inxustiza a traves do riso”.
A estrea mundial do novo espectáculo, orientado para todos os públicos desenvolverase na barraca que se instalará na Carballeira de Francos a coincidir coa Feira Cabalar. Será o vindeiro día 11 de novembro ás 11 da mañá, a non perder!
Urruzola vai participar, tamén no marco do Titiriberia, na mesa redonda A muller nos títeres tradicionais. Neste encontro con outras profesionais desta arte, abordarase a problemática de traballar os roles femininos nesta tradición escénicas así como o invisibilizado papel das titiriteiras. No encontro, a titiriteira falará sobre a súa adaptación da obra emblemática dos títeres galegos.
1 - 4 days 21 hours ago