Quen era Barriga verde
O títere máis popular da Galiza no século XX  percorreu  da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella.
Que é o Proxecto Barriga Verde?
Esta iniciativa da Asociación Cultural Morreu o Demo quere recuperar a memoria deste personaxe e dos titiriteiros. Ademais, reivindica a vixencia de Barriga Verde para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquendanzas da sociedade e ás actuais posibilidades de difusión.
Que é a Asociación Cultural Morreu o Demo?
Un grupo de xente que, dende diferentes plataformas, levan anos traballando a prol da recuperación de Barriga Verde. Persoas especializadas na investigación e na divulgación dende o xornalismo, o audiovisual, a antropoloxía ou a historia, profesionais do ámbito dos títeres ou xente do ámbito da xestión cultural e da educación son algunhas das figuras que forman parte do colectivo.
Quen eran os Silvent?
A familia que levou a Barriga Verde polas feiras de todo o país. José Silvent, de ascendencia francesa, introduciu o personaxe desde Portugal e achegou como grande innovación o formato da barraca para o seu espectáculo. Os seus irmáns Julia e Santiago levaron as súas propias versións do espectáculo por diferentes áreas do país, e a familia en conxunto foi responsable da introdución do cinema en moitas aldeas de Galicia.
Como podo contribuír?
Recoller memoria entre os familiares e persoas máis próximas é un xeito estupendo de contribuír ao coñecemento sobre Barriga Verde. Malia ás investigacións dos últimos anos, aínda fican por concretar moitas das rutas, e mesmo está por documentar axeitadamente os argumentos das pezas e o aspecto dos personaxes.  Outros xeitos de colaborar son contactar coa Asociación para facer presentacións do proxecto, contratar algunha das actividades que se ofertan, achegar ideas ou mesmo facer doazóns.