Chegan os vídeos de Da Barraca á aula!

A pandemia complicounos un bocado o desenvolvemento de todas as actividades previstas no noso programa educativo Da Barraca á Aula, que ampliou neste curso 2020/2021 o seu alcance a incorporar novos centros de ensino.

Grupos burbulla, aulas desdobradas… Aínda así desenvolvemos moitos dos obradoiros previstos, en espazos abertos e cunha acollida entusiasta no primeiro trimestre deste curso.

No entanto, con vistas a facilitar o traballo dos centros participantes, elaboramos unha serie de vídeos a aproveitar o apoio que  a Área  de Cultura da Deputación da Coruña nos proporciona para esta actividade.

Estes novos contidos permíntennsos desenvolver obradoiros non presenciais, nos que se combina o emprego destes recursos coa formación do profesorado participante e titorías virtuais. Ademais, combinados coas actividades presenciais, van facilitar que os centros participantes poidan afondar de xeito máis autónomo nas propostas do programa e completar un calendario continuo de actividades arredor dos títeres ao longo de todo o curso.

Finalmente, pensamos que estes vídeos, ao igual que a serie Títeres para o confinamento, que tivo unha excelente acollida, van servir para achegar o mundo do títere tradicional a un novo público, tanto en centros de ensino como nas casas, que poderá coñecer esta arte de xeito activo e non unicamente como espectadores.

Os cinco vídeos que agora presentamos na nosa canle de Youtube preséntanse  integrados nunha lista de reprodución  e abordan diferentes aspectos da creación e a manipulación de monicreques. Profesionais do sector como son Larraitz e Mirari Urruzola, Anxo García e Borja Ínsua, traballaron para desenvolver estes titoriais. A construción de títeres de luva, cunha versión avanzada a empregar papel maché, e mais os titerecónicos, fornecen coñecementos abondos para contar cunha importante panoplia de bonecos de diferentes tipos cos que practicar. Os outros dous vídeos publicados céntranse nas técnicas básicas de manipulación e posta en escena de títeres de luva e mais no desenvolvemento de batallas de cachaporras de papel, un recurso básico nesta tradición escénica con séculos de antigüidade.

A elaobración destes contidos contou con Pixelín Photo a desenvolver os aspectos técnicos e artísticos da produción audiovisual, deseño gráfico de Heitor Real e o apoio no guión de Tintimán Audiovisual. Ademais, temos o luxo de contar con música composta ex profeso para a ocasión da man de Orjais. Todo o traballo desenvolveuse baixo a coordinación dos grupos de traballo de Audiovisual e Artes Escénicas da AC Morreu o Demo. A combinación permitiunos tirar un produto de alta calidade do que estamos certos van gostar grandes e pequenos, e que agora publicamos en aberto na nosa canle de Youtube.

A intención da Asocición Morreu o Demo é continuar o traballo para introducir o títere tradicional nas escolas. Está xa en marcha o proxecto de novos contidos e a incorporación de novos centros a esta iniciativa, e agardamos en breve contar con novos contidos nas redes abertos a todas as persoas interesadas.


Varios dos centros participantes no programa publicaron nos seus blogues e redes galerías e testemuños do traballo que xa desenvolvemos no proxecto Da Barraca á aula no primeiro trimestre deste curso.
CRA RIANXO – ESCOLA QUINTÁNS

http://ospequerrechosdamestrapaula.blogspot.com/search/label/Talleres?updated-max=2020-01-27T00:43:00-08:00&max-results=20&start=5&by-date=false

https://www.facebook.com/escoladequintans/posts/243037863820389

https://www.facebook.com/escoladequintans/

CRA RIANXO- ESCOLA CRUCEIRO-ROSALÍA DE CASTRO

https://photos.google.com/share/AF1QipOBI9fBHYbBEJKiYgvhtCI0DnAD8rh-dgK2jVmRKnjN6yLmWnCKN3CQm-9N2xRAHQ?key=T3JNSjlwMkR0cnVzZlZqcnNjRVlKVzBsYkJJZVVR

ASPAMITE de Teo

https://www.facebook.com/aspamite/posts/3527251457370611

https://www.facebook.com/media/set/?vanity=aspamite&set=a.581784638583989

 

Dosier para centros do proxecto Da Barcca á aula

 

Da Barraca á Aula desenvólvese co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña