Barriga Verde vai de feira… a Sevilla!

Catel 37 FIT de Sevilla

Catel 37 FIT de Sevilla

A 37 Edición da Feira Internacional do Títere de Sevilla, un dos principais encontros a nivel ibérico desta arte, contará con Barriga Verde no seu programa.

Títeres Alakrán acode a este evento para representar, o vindeiro 18 mayo o seu Barriga Verde ataca de novo, actualización da obra clásica da familia Silvent. O emprego dun único manipulador para todos os bonecos e o emprego da palleta para darlle voz ao protagonista combínanse cunha posta en escena na que Borja Ínsua aposta por recuperar as esencias do personaxe. Tal e como comentaba recentemente o crítico Toni Rumbau sobre a montaxe trátase de “una recreación potente del espíritu más primitivo, ingenuo y arcaico del personaje, sin pretender reubicarlo en otros contextos, y acentuando los aspectos tremendistas de los títeres populares de antaño (…) Es decir, trazo fuerte y una dramaturgia de ir al grano y a matar, sin demorarse demasiado en prolegómenos ni en refinamientos excesivos. Una apuesta que hoy queda compensada, en la presentación de Alakrán, por la buena elaboración técnica de los títeres”.

Por se fose pouco, o noso títere tradicional máis recoñecido tamén está presente no evento mediante a exposición Onde foi Barriga Verde?A Asociación Morreu o Demo achega ao público andaluz esta reflexión sobre a perda do patrimonio inmaterial e convídaos a descubrir a historia dos Silvent e mundo das feiras tradicionais galegas. Os paneis da mostra poderán verse na Sala Antiquarium do 13 de maio ao 7 de xuño.

De xeito paralelo á exposición, proxectarase na sala de xeito permanente o documental Morreu o Demo, acabouse a pesetaEsta produción de Tintimán Audiovisual dirixida por Pedro Solla repasa as relacións entre os títeres tradicionais europeos ao tempo que reflexiona sobre as diferentes situacións deste patrimonio inmaterial nos diferentes países. Borja Ínsua, de títeres Alakrán, fará unha sesión comentada do documental no propio 18 de maio.

A Feira, que se desenvolve entre os vindeiros 10 e 27 de maio, contará con 33 compañías de diferentes países do mundo,  e conta con chegar a 25.000 espectadores, que terán unha ocasión única de se achegar ao títere tradicional galego. Máis información sobre a feira no web do Instituto de Cultura e das Artes de Sevilla.