Barriga Verde protagoniza o arranque de Ponte… en escena

Cartel de Ponte.. na Escena

Cartel de Ponte.. na Escena

O Festival Internacional de Teatro de Gondomar aposta polo títere tradicional na súa segunda edición

Barriga Verde, o títere máis coñecido do século XX en Galicia, protagoniza o arranque da segunda edición de Ponte… en escena. O Festival Internacional de Teatro que se celebra en Gondomar entre o 8 e o 11 de maio conta conta cunha importante presenza deste personaxe e máis do proxecto de recuperación que ao seu redor promove a Asociación Cultural Morreu o Demo.

Así, xa o cartel do evento lle outorga un papel destacado a varios dos coprotagonistas da obra Barriga Verde, que a familia Silvent levou por feiras de festas de Galicia durante varias décadas. Os bonecos do cura, do soldado e mais do demo, ocupan a foto promocional, a amosar xa a aposta que o evento fai por este personaxe.

No programa, o evento inclúe dúas representacións do espectáculo da man da compañía que o recuperou, Viravolta Títeres. Será o día 8 no Auditorio Lois Tobío en funcións as 12 e ás 21:30 horas.

Os interesados en saber máis sobre este títere terán tamén ocasións no transcurso do festival. Así, o mesmo día 8 ás 20 horas, tamén no Auditorio Lois Tobío poderá verse o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta. Dirixido por Pedro Solla, o filme percorre o proceso de recuperación do personaxe a amosa a situación da súa memoria actual ao tempo que verifica as múltiples conexións que esta obra ten coa tradición europa de títeres.

Ademais, durante todo o transcurso do festival, o Centro Neural de Gondomar acollerá a exposicion Onde foi Barriga Verde?. A Asociación Cultural Morreu o Demo desenvolveu esta proposta didáctica para todas as idades que percorre a historia da familia Silvent e do seu espectáculo, dando a coñecer a importancia que tivo e a presenza que aínda mantén na memoria e na fala de persoas de todo o país.

Canda a estes proxectos, a AC Morreu o Demo promoveu publicacións como José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, de Xaime Iglesias, primeira biografía do máis coñecido manipulador deste títere. Tamén creou un catálogo de actividades e de produtos que pon a disposición da sociedade galega para coñecer máis a fondo a historia de Barriga Verde e das persoas que o fixeron famoso e ten en marcha un web e espazos nas redes sociais para popularizar de novo a existencia deste personaxe.

Barriga Verde foi o títere por excelencia de Galicia entre os anos 10 e 60 do século pasado. Os membros da familia Silvent foron os encargados de o levar por todo o país este personaxe, deixando unha fonda pegada na memoria de moitas persoas con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta” coa que remataban os espectáculos.