Barriga Verde no Culturgal 2016

bv_material_culturgal_2014Despois dun ano de ausencia, mergullados en novos proxectos, a Asociación Cultural Morreu o Demo volve ao Culturgal. E retornamos cun bo feixe de actividades e novidades, nun posto duplo (o 59-60) que compartimos cos amigos de Viravolta e Alakrán.

Alí estarán dispoñibles, como é habitual, as nosas publicacións, o catálogo coa nosa oferta de actividades, algunha novidade de merchandising para lembrar a Barriga Verde todo o ano e, por suposto, estaremos nós a atender a todos os visitantes e dar a coñecer o noso títere máis coñecido.

Nesta ocasión, a ambientación do noso espazo no posto renderá homenaxe a Alfonso Silvent, fillo de José (“O auténtico Barriga Verde”, segundo se anunciaba), que faleceu no pasado mes de xuño. Colaborador imprescindible e socio de honra do noso colectivo, en todas as edicións do Culturgal nas que estivemos presentes Alfonso botou horas no noso posto a falarlle a quen quixese ouvir do traballo da súa familia nas feiras e no cinema.

A nivel de actividades, a Asociación estará ben representada no programa do evento.

  • O día 3, ás 18 horas, presentaremos no evento Titiriberia, o festival de títeres tradicionais que se desenvolve entre o 7 e o 9 de decembro en Teo.
  • O día 4 comeza forte, ás 12:30 horas, coa presentación dos nosos últimos lanzamentos editoriais no acto “Barriga Verde, sen volta de folla”. Un evento que promete ser diferente de calquera presentación de libros que poidades ter visto. No espazo libro.
  • Nese mesmo domingo, ás 16:30, un Obradoiro de Títeres en Igualdade amosará as posibilidades didácticas do traballo cos monicreques aos visitantes máis novos.
  • Para rematar, o noso compañeiro Borja, de Títeres Alakrán, representará Os soños na gaiola, adaptación a títeres da obra de Manuel María. Será ás 18 horas no espazo infantil.