O repaso do labor da AC Morreu o Demo durante 2019 veu marcado por tres grandes fitos. A presenza da grande exposición Barriga Verde. De feira en feira no Museo Etnográfico de Castela e León entre abril e setembro amosou o potencial do noso títere tradicional alén de Galicia. 1.750 persoas máis visitaron a montaxe e sumaron así 20.000 visitas en toda a itinerancia deste proxecto.
Por outra banda, a posta en marcha do proxecto Da barraca á aula supuxo o prometedor inicio dun imprescindible traballo didáctico para garantir a transmisión deste patrimonio inmaterial. A nova colaboración cos centros de ensino de Teo e continuación do traballo do Cole de Cea (que xa deu os seus froitos no final do último curso) amosan o potencial desta liña de traballo. Ademais, no marco do proxecto púxose en marcha a nova exposición itinerante A grande familia do títere europeo, que dá a coñecer toda a parentela de Barriga Verde.
Canda a isto, a nova edición de Titiriberia abriu tamén novos camiños co éxito dun primeiro curso co que queremos promover o achegamento do sector titiriteiro galego ás formas tradicionais da arte e novas propostas no programa.
Houbo barrigas verdes en Compostela, Malpica, Ribeira, Ares, Laxe, Boiro, Carballiño, Moaña, Lérez, Vilanova dos Infantes, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival Internacional de Títeres de Redondela da man de Larraitz Urruzola. Pola súa banda, Títeres Alakrán levou o personaxe Castellón, Zaragoza, Arxentina, Oza-Cesuras e Muras. Mentres Viravolta armou a súa reconstrución da barraca dos Silvent no Titirideza de Lalín e mais na Feira do Carballiños de Vilatuxe. Para alén, por suposto, das actuacións incluídas no Titiriberia.
Participamos como parceiras no estudo sobre o Teatro de Títeres, Visual e de Obxectos en España, unha ferramenta de grande importancia para artellar este sector.
Fóra do noso traballo inmediato, asistimos con tristura ao feche do Museo Galego da Marioneta en Lalín, un espazo que para nós era fundamental de cara á futura conservación do legado material da familia Silvent. Doutra banda, aledámonos do recoñecemento ao sector que supón Premio da Cultura Galega a Kukas e aprezamos o enorme potencial do Encontro de Titiriteiros de Mondoñedo, onde participaron membros da nosa asociación de cara a xerar un novo espazo para o sector.
O 2020 arrinca con varios proxectos pendentes e a consolidación de Da barraca a aula como unha grande priorirade. Seguiremos a dar guerra!
Diversos axentes vencellados á expresión dramática manteñen liñas de traballo enfocadas a introducir nos centros de ensino espectáculos e accións culturais
Unha feira, ademais de ter outras moitas acepcións, é unha reunión periódica de xentes e comerciantes nun espazo público coa finalidade de mercar, vender ou intercambiar produtos. Desta volta, voume centrar no encontro social e periódico, pola enorme importancia que tiveron e teñen en Galicia...