A barraca

Raizame francesa e engado portugués

Joseph Silvent era un experto domador de cabalos que veu de Francia enrolado nun circo. Xunto coa súa muller, a murciana Josefa Martínez, asentou algúns anos na localidade extremeña de Santa Marta de los Barros, desde onde percorrían as feiras das vilas próximas co seu espectáculo. Nesta vila nace José Silvent en 1890, ao que seguirán catro irmáns máis: Julia, Domingo e Santiago.

Joseph transmitiulles aos seus fillos os segredos do oficio, impondo unha estrita disciplina que foi o motivo de que José decidira, con só trece anos, deixar a familia e buscar sorte en terras portuguesas. Na cidade do Porto aprende dun fantocheiro popular as técnicas de construción e manipulación dos robertos. Cando en 1909 cruza o Miño, José xa ten o seu propio xogo de bonecos co que representa pequenas pezas nas prazas.

“Facer a porta”, o marketing dos Silvent

Para atraer o público ao interior da barraca, os Silvent ofrecían un pequeno adianto do espectáculo no exterior. Podíase facer a través dunha charanga formada polos membros da familia e algún músico contratado.

O nacemento do heroe

Á súa chegada a Galiza, o mozo titiriteiro actúa polas festas, sen máis equipaxe cós bonecos e unha saba que pendura e tras a que se oculta mentres actúa.  En Salvaterra do Miño coincide cunha moza de Lérez que traballa nunha atracción de lanchiñas. Chámase Emerenciana e convertirase na súa compañeira de vida e de espectáculo. Nun primeiro momento, a rapaza axuda pasando a man para recoller a vontade do público ao remate da actuación.


A medida que a familia e a sona de Barriga Verde van aumentando, o espectáculo  enriquécese con números de circo e varietés representados no interior dunha barraca, primeiro de lona e despois de madeira. Emerenciana é a encargada de vender as entradas e os fillos da parella vanse incoroporando ao plantel, como cantantes, malabaristas ou técnicos de luz e de son.

Pioneiros do playback

Un dos números máis famosos da porta era aquel no que un dos membros da familia, vestido de pallaso e co rostro enfariñado, interpretaba algunha canción cómica acompañado desta guitarra plegábel. Obviamente, o pallaso só puña os xestos e a graza, e o son saía do altofalante pendurado no cumio da barraca, nun claro precedente dos actuais e televisivos playbacks.

…e acabouse a peseta

A familia Silvent percorría numerosas festas galegas desde a Pascua até as San Lucas. Dous irmáns máis novos de José, Santiago e Julia, tamén botaron a andar os seus espectáculos de títeres e varietés para levar polas feiras galegas. Santiago asentou en Mera, na comarca do Ortegal, e percorría sobretodo as festas da Costa da Morte e da Mariña. Julia, que casou co pallaso Topete, actuaba sobretodo na área de Ourense e de Monforte.


Os tres irmáns eran coñecidos popularmente como Barriga Verde, en honor ao personaxe ao que daban vida. Ademáis dos Silvent, outros titiriteiros que levaban espectáculos similares polas festas galegas adoptaron o nome do personaxe, o que dá proba da popularidade acadada.

Barriga Verde, que nacera por volta de 1909, mantivo o seu éxito até principios da década de 1960. As atraccións mecánicas e a televisión constituíron unha competencia demasiado dura para o pequeno espectáculo de títeres e os fillos dos Silvent preferiron mudar a barraca polas tómbolas ou os coches de choque.

“Se va a Covadonga”

No San Froilán, a José Silvent coñecíano como Tragaestopas, polo número no que botaba fume pola boca. Outro dos números da porta xogaba con esta canción cómica de Julio Galindo, toda unha sátira antibelicista, que un dos membros da familia interpretaba coa axuda desta espingarda de madeira.