Os postos

Na feira podíanse adquirir numerosos produtos do campo e obxectos de artesanía, alimentos elaborados e bálsamos milagreiros vendidos por charlatáns… Manuel García Barros, nas Aventuras de Alberte Quiñoi, ofrece un valioso testemuño do que se podía atopar na feira estradense do “Un” a finais do s.XIX


Canta cesta!

Cestas e carabelas coas servilletas que as cobrían medio volteadas, para que se vise o que tiñan. Peras de todas as castes, ameixas, cirigüelas, fatóns, claudias, pexegos, pavías, peladillas, figos coa boca regañada de maduros… Máis adiante, facendo recodo, comenzaban os postos de queixos, que as vendedoras calaban cunha navalla dándolle a proba ós que iban a compralos. Seguían os postos de carne: xamóns, touciños, untos, chourizos… Nun recanto estaban as mulleres de pé cos cestos na man abertos, nos que se vían bolos de manteiga fresca e cuncas de manteiga cocida.



Dando a volta topábase cos cacharreiros cos cacharros estendidos polo chan; cando alguén collía algún, iles petábanlle cunha variña pra que visen que

tocaban a san e non a rachado.

(…)
Un home de lavita e sombreiro de cu redondo, rubido de pé nunha mesa, comía estopas ardendo meténdoas con afinco coas mans por entre os dentes. A boca botáballe fume, coma a chimenea do cura en día de festa.  (…) Deque comeu as estopas, inda fomegándolle a boca, púxose a apregoar un bálsamo milagroso que vendía nunhas caixiñas de lata.



Logo, os follalateiros, atrás dos seus taboleiros nos que se pousaban canadas, tangues, candiles, faroles, regadeiras, funiles grandes e pequenos, xarros… Nun cuberto corrido, os ferreiros estendían  a súa mercadoría sobre o poio de pedra tras o que estaban: sachas, legóns, gallas, picañas, machados, podóns,

trepias, fouces…



Pasou un cruce e atopouse entre as tendas de quincalla (…) ¡Alí si que había que ver!

Botóns que feguraban de ouro,

outros de vidro, de todos os cores e feituras; alfeniques con cabeza de vidro pintado, pendentes, crocetas, navallas, espellos, cintas de seda, gramáns, puntillas, trenzas de barbilla e de alpaca, coas de vidro labrado e sin labrar, e unha chea de cousas máis que non daba dito nin visto.



En cubertos aliñados por unha banda e pola outra, con mostradores corridos de pedra, formando rúas que iban de par unhas das outras, estaban os tendeiros de teas e panos. Alberte non daba visto canto por alí había. Panos de todas as crases e tamaños, con cenefas ramalleteadas, prá cabeza e pró pescozo;

teas pra saias e pra chambras,

pintadas con frores, estrelas, paxaros, ou con listas entrelazadas de cores combinados.



E foi parar onde estaban

os bolicheiros.

Alí estivo ollando cómo chegaba algún paduano a darlle á roda, que se cernía pasando a balea polos cravos. Ó redor tiña pousadas unha chea de cousas, tales coma macillos de “mataquintos”, navallas de patacón, espellos do mesmo precio, caixas de mistos e papeles de alfariques. Il, de boa gana, lle daría unha volta a ver que lle saía, que as máis das veces era nada (…)